Na vindeira semana comezarán os traballos dun treito da estrada AC-132 ao seu paso por Mugardos
Comeza a principios de semana os traballos de acondicionamento do firme nun treito da estrada AC-132 ao seu paso polo concello de Mugardos. Trátase dunha actuación de mellora de seguridade viaria que se levará a cabo nun treito de case un quilómetro da estrada entre A Gallada e O Seixo.
En concreto, as obras realizaranse entre os puntos quilométricos 0+200 e 1+170, ao tratarse do tramo máis deteriorado, sobre o que se estenderá un dobre tratamento superficial. En total, a Axencia Galega de Infraestruturas destinará a este proxecto 32.700 euros.
A obra será executada por Lancer Proxectos e obras, S.A. e rematarán coa colocación da sinalización horizontal e un tramo de barreira de seguridade.
Trátase duns traballos que completan os xa realizados hai poucos meses noutra estrada do municipio, a AC-133. Neste caso, reparáronse e acondicionáronse as gabias da marxe esquerda entre os lugares de Franza e Rilo, cunha achega de máis de 36.000 euros.
Todas estas actuacións servirán para proporcionar aos usuarios destas estradas unha forma de condución cómoda e segura e para reducir os riscos para os peóns, nunhas zonas que son moi transitadas.