Monforte contará cun stand na feira do turismo de proximidade “Expocidades”
Entre os días 3 e 6 de outubro celebrarase en Lugo Expocidades, un espazo dedicado ó turismo de proximidade posto en marcha polo Eixo Atlántico e no que o concello de Monforte contará cun stand.
A exposición estará ubicada nas proximidades da Muralla de Lugo, na zona de maior afluencia de xente, e desenvolverase baixo unha gran carpa dentro do que se pode considerar recinto feiral.
Expocidades naceu como unha micro-feira de turismo no seo da Primeira Capital Cultural do Eixo Atlántico na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia. Tendo en conta o éxito obtido, o Eixo Atlántico decidiu instituír este evento como medio de promoción do turismo de proximidade, sendo agora inaugurada a súa primeira edición en Lugo, unha das 34 cidades membro do Eixo Atlántico.
Paralelamente ó desenvolvemento da feira terá lugar unha Mesa de Contratación para dar a coñecer tanto os produtos gastronómicos como os atractivos das cidades, así como para promover a relación entre as empresas relacionadas co sector do turismo co obxecto de fomentar calquera proxecto de futuro que poida xurdir entre elas. Esta Mesa levarase a cabo o día 4 en horario de mañá, a partir das 12:00 do mediodía.
Expocidades será tamén o evento do Eixo Atlántico co que se darán os primeiros pasos para a certificación de organizador sostible.
O obxectivo da iniciativa “Expocidades 2013, dous países, un destino”, é promover as nosas cidades entre as cidades da Eurorexión dándoas a coñecer, fundamentalmente dende un punto de vista turístico que abrangue todo o relacionado coa cultura, gastronomía, oferta hostaleira, actividades anexas ó turismo, etc.
Expocidades inaugurarase ás 12:00 horas do día 3 de outubro e poderá visitarse en horario ininterrumpido entre as 12:00 e ás 21:00 horas.











