Monforte acollerá oito obras de teatro no derradeiro trimestre deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMonforte de Lemos
A-
A+

O teatro terá un gran protagonismo na actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura de Monforte no derradeiro trimestre deste ano 2013.

Entre os meses de outubro e decembro teremos a oportunidade de asistir a cinco representacións de compañías profesionais e a tres de compañías afeccionadas. 

Por unha banda, o Concello segue a participar na programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, mediante a que se achegarán a Monforte as seguintes compañías e obras:

-O método Grönholm  de TALÍA TEATRO (mércores 2 de outubro)

-Misión sapiens (operación comedia) de MALASOMBRA PRODUCIÓNS (mércores 27 de novembro)

-Babs de BAOBAB TEATRO (infantil, xoves 26 decembro)

Por outra banda, co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da deputación Provincial de Lugo, o mércores día 6 de novembro poderemos ver a obra “Anxeliños” da compañía Espello Cóncavo.

Finalmente e organizada polo propio Concello, o mércores día 11 de decembro volverá visitar Monforte a compañía Malasombra Producións, que porá en escena a obra “Go on”.

Estas representacións levaranse a cabo ás 20:15 horas no Edificio Multiusos, agás “Babs”, unha obra infantil que se representará ás 18:00 h. O prezo de entrada xeral será de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.

En canto ó teatro afeccionado e dentro do circuíto Buxiganga da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo, poderemos ver en Monforte tres obras teatrais.

A primeira delas será o sábado día 19 de outubro no Edificio Multiusos e correrá a cargo da compañía Ollomao coa obra “Os vellos non deben de namorarse”. A segunda representación, o domingo 27 de outubro na Casa da Cultura, corresponderá á compañía Monart que porá en escena “Contos ben dispares”. A derradeira representación do circuíto Buxiganga levarase a cabo na Casa da Cultura o domingo día 10 de novembro, trátase de “Folie a trois. Paranoia compartida” a cargo da compañía Mequetrefes.

Estas tres representacións do circuíto Buxiganga terán entrada libre e gratuíta.

25 de setembro de 2013 | 16:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.