Milleiros de romeiros celebraron o gran día das Festas de Santa Minia en Brión

Asistentes á romaría
Milleiros de romeiros, chegados de todos os puntos de Galicia, cumpriron hoxe coa tradición de visitar o santuario brionés de Santa Minia. A choiva, que estivo presente de xeito intermitente durante toda a xornada, non amedrentou aos devotos, que cumpriron coas tradicións de visitar o sepulcro da Santa, asistir á misa e comer o polbo na carballeira de Santa Minia. De feito, o coordinador da Festa de Santa Minia, Alberto Álvarez, sinala que “a afluencia de visitantes é semellante á de outros anos. A única diferenza é que este ano veñen todos cun paraugas baixo o brazo”.
Ao igual que en anos anteriores, a tarde-noite de véspera rexistrou unha gran afluencia de visitantes, neste caso veciños e veciñas de Brión e de municipios da contorna que disfrutaron dunha verbena protagonizada polas orquestras Combo Dominicano e Triunfo. Esta verbena, unida á espectacular tirada de fogos de artificio e a queima da fachada, encheron ata os topes a carballeira de Santa Minia ata ben entrada a madrugada de hoxe venres.
A afluencia de visitantes non se resentiu na xornada de hoxe dende as 9 da mañá, momento no que o santuario brionés abriu as súas portas. Milleiros de devotos, chegados en autobuses e coches particulares de toda Galicia, cumpriron coa tradicional visita á santa, bicar o sepulcro onde repousan os seus restos e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano. A boa organización das visitas ao santuario, unida ao feito de que non se podían deixar as velas de ofrenda na capela, fixo que o tránsito dos fieis fose moi áxil e só se rexistraran esperas de 10-15 minutos nos momentos de maior afluencia.
Festa e polbo
Por outra banda, a carballeira e a avenida de Santa Minia centralizaron a parte máis festiva da festa. Así, a avenida de Santa Minia contou con preto de 150 postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, e xeados. Iso si, este tempo chuvioso fixo permitiulles “facer o agosto” aos vendedores de paraugas.
Outros dos grandes beneficiados pola choiva e que estiveron sempre cheos ata os topes foron as cinco polbeiras emprazadas na zona, que non deixaron de vender racións de polbo, churrasco, carne ao caldeiro e, incluso, paella. Uns polbeiros que calculan que nunhas festas como as de Santa Minia poden chegar a venderse ata 10.000 quilos de polbo á feira.
A música da mañá, sempre que o tempo o permitía, correu a cargo do cuarteto de gaitas e da charanga “Mekánica”, que deron paso á sesión vermú da man da orquestra “Fania Blanco Show”, que actuará esta noite na verbena canda a orquestra “Ceniza”.
Incidencias
A esta hora (17:45 horas), o dispositivo de seguridade disposto polo Concello de Brión confirma que o tránsito de visitantes se está a realizar sen problemas e que o tráfico se desvía de acordo co aparcamento dispoñible máis cercano á festa. Non hai que destacar ningunha incidencia.
Para mañá sábado 28 de setembro está prevista un pasarrúas coa charanga Apeles (10:00 horas) e o tradicional concerto da Banda de Música Municipal de Brión (13:30 horas). Pola tarde, tempo para os malabares e a maxia cómica de “Roi o cagabolas” (17:30 horas) e a actuación dos alumnos e alumnas da Escola de Baile e Pandeireta de Brión, que este ano terá lugar na praza do Concello ás 18:30 horas. Tras a actuación de Brisas da Croa (19:30 horas), a orquestra Tambo pechará os festexos de Santa Minia 2013.











