Miles de persoas congréganse na Festa do Pan de Neda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalNedaProvincias
A-
A+
O pregoeiro Xacobo Pérez

O pregoeiro Xacobo Pérez

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, destacou esta tarde o éxito de público que rexistrou nesta edición a tradicional Festa do Pan, que este ano cumpría as súas vodas de prata co recoñecemento de ter sido declarada recentemente de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta. Precisamente, o rexedor destacou esta mañá o esforzo e traballo do Concello, e especialmente da Concellería de Promoción Turística, para lograr tal distinción. En palabras de Ignacio Cabezón, é un orgullo para Neda formar parte deste exclusivo e distinguido clube de festas de interese turístico xa que se premia a calidade da cita e supón un pulo importante a nivel turístico para o municipio. Neste senso, quixo agradecer o apoio da Consellería de Cultura e do seu titular, Jesús Vázquez, e do presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. Precisamente, este último acompañou a Ignacio Cabezón durante o seu discurso de inauguración, ao igual que a concelleira de Turismo, Montse Rico; a delegada da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, e o presidente da Deputación, Diego Calvo.

Neste contexto, o rexedor local tamén repasou algunhas das actividades programadas polo Concello este ano ao abeiro da Festa do Pan, como a segunda edición do Concurso e Ruta do Pincho –agradecendo neste caso a colaboración dos negocios hosteleiros da vila-; o concerto de Brothers in Band, posible grazas ao apoio da Deputación provincial, ou a xornada infantil Peke-Pan, da que confiou en que saíse algún futuro panadeiro. Por último, o alcalde tivo un especial agradecemento e recoñecemento especial para os panadeiros da localidade; para os efectivos de Protección Civil e Policía Local, e para a concelleira de Turismo, Montse Rico, a quen instou a traballar dende mañá mesmo para conseguir unha festa como a deste ano ou mellor. E, antes de dar paso ao comunicador Xacobo Pérez, encargado de ler este ano o pregón, animou ao público a comer moito pan. Así mesmo, Xacobo Pérez fixo o seu particular homenaxe ao pan de Neda a través do refraneiro popular, cargado de alusións a este produc-to gastronómico xa que, tal e como dixo, hai máis pans que refráns. Non só iso, tirando a súa facilidade para a imitación, o comunicador trasladou sendas mensaxes da mismísima Cayetana de Alba e da súa Maxestade Don Juan Carlos. E, para rematar, deu por inaugurada a Festa co “Viva el pan nuestro de cada día”, “Viva a Festa do Pan de Neda” e “Viva Neda”.

Nese momento, deceas de persoas xa formaban importantes colas para desfrutar do xantar popular baixo a carpa instalada no Paseo Marítimo. E tamén nese momento tiña lugar no palco a entrega dos premios do concurso. Así, o pincho do negocio hosteleiro O Fumazo resultou gañador do premio ao pincho máis sabroso e O Carreiro, ao pincho máis orixinal.

A Festa do Pan, un evento anual de exaltación do produto gastronómico por excelencia da real vila co que se promociona, exalta e dignifica o labor das forneiras e forneiros locais, continuará ao longo do día para deleite das miles de persoas que acudiron dende primeira hora da mañá.
Amáis da venda de pan, doces ou empanadas ou a comida popular, outro dos reclamos desta cita foi a concentración de vehículos históricos organizada nesta xornada polo Auto Club Clásicos Narón. Tras un percorrido por diferentes lugares da real vila, unha trintena de coches históricos trasladáronse ao Paseo Marítimo coa intención de permanecer en exposición du-rante toda a xornada. E, para os máis pequenos, no recinto do Fernando Esquío, pola tarde, o Concello habilitou inchables e programou a festa da espuma.

Así mesmo, e durante todo o día, os asistentes poderán converterse en muiñeiros por un día. Será grazas ao photocall que instalará o Concello no entorno, e no que se recrea o interior dun muíño, convenientemente ambientado con fariña e útiles de traballo. Alí os asistentes poderán fotografiarse coa recreación como telón de fondo. E, tamén durante toda a xornada, o público ten á súa disposición diferentes postos de artesanía.

1 de setembro de 2013 | 20:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.