Membros da asociación Down Ferrol realizan prácticas en dependencias municipais
O Concello de Ferrol mantén un convenio de colaboración coa Asociación Down Ferrol para a realización de prácticas non laborais ao abeiro da iniciativa “Emprego con apoio”. Gracias a este acordo de cooperación entre a Administración local e a entidade, tres persoas con discapacidade son beneficiarias destas prácticas.
O convenio ten como obxecto promover a inserción das persoas con discapacidade intelectual no mundo laboral. Así, os tres beneficiarios do programa “Emprego con apoio” desenvolven, cunha duración entre 3 e 6 meses, as súas prácticas en dependencias municipais. A xornada para a realización das prácticas é, como máximo, de 22,5 horas semanais, de luns a venres e en horario de 9.30 a 14.00 horas.











