Medio centenar de persoas acompañan a Buenaventura Aparicio na visita ao petroglifo da Pedra do Cervo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Participantes na andaina durante as explicacións do historiador

Participantes na andaina durante as explicacións do historiador

Máis de medio centenar de persoas acompañaron Boaventura Aparicio Casado, doutor en Historia e experto en arqueoloxía, na visita organizada polo Concello de Ponte Caldelas ao petroglifo da Pedra do Cervo, situado no monte de Pé da Mua.

Os asistentes iniciaron a ruta a pé, dende a Igrexa de Santa Baia, percorrendo un par de quilómetros ata chegar a un pequeno promontorio onde se sitúa este petroglifo que recolle a silueta dun gran cervo e que representa a manifestación prehistórica daqueles homínidos que poboaron Ponte Caldelas hai miles de anos.

Boaventura Aparicio glosou a visita con toda unha serie de explicacións tendentes a permitir un mellor coñecemento do mundo místico e simbólico dos habitantes que poboaron estas terras hai miles de anos. Segundo precisou este historiador, a paisaxe que agora se pode contemplar en Pe da Múa é moi distinto ao de antano onde os bosques de frondosas abeiraban zonas de caza moi apreciadas por estes poboadores da Idade do Bronce.

Para este experto arqueólogo, a Pedra do Cervo é unha das manifestacións máis singulares que existen na arte rupestre en Galicia posto que a precisión plástica da técnica empregada así como o seu gran tamaño (é unha das pezas de cervo máis grandes das que se conservan na Comunidade Autónoma) a fan especial.

A Pedra do Cervo é un petroglifo que, a pesar dos anos e a acción do home e a climatoloxía, se mantén en perfecto estado de conservación e cunha moi boa definición que pode ser apreciada a simple vista polo visitante grazas aos traballos realizados polo Servizo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Ponte Caldelas, que fan que este gravado rupestre se poida considerar na súa toda a súa amplitude.

Durante a súa explicación, Boaventura Aparicio, fixo referencia á beleza intrínsica do gravado e ao misticismo que transmite que, seguramente, tamén lle serviron de indulto ante a acción destrutiva dun canteiro anónimo que iniciou no seu día traballos de perforación na pedra, pero ao decatarse das graves consecuencias da súa actuación, decidiu cesar no seu empeño para que puidesen gozar deste cadro pétreo as xeracións futuras.

Boaventura Aparicio aproveitou a visita para abordar tamén o mundo da simboloxía na prehistoria galaica e realizar unha pequena aproximación á arte rupestre da que Ponte Caldelas conserva unha enorme e variada representación no conxunto arqueolóxico de Tourón, un dos máis importantes e vistosos de Galicia.

2 de setembro de 2013 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.