Medio centenar de pensionistas procedentes de Murcia visitan Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+
Visitantes murcianos

Visitantes murcianos

Medio centenar de persoas da Asociación de Pensionistas e Xubilados de Ramonete -pedanía de Lorca- e procedentes das localidades murcianas de Aguias, Lorca e Mazarrón visitaron o pasado venres Cedeira. Unha visita que formou parte do seu periplo pola Costa Ártabra. Todos eles, co seu presidente á fronte, Miguel Calvo Zamora, realizaron unha visita ao Castelo de La Concepción, cos seus quince canóns apuntando á ría. Na mesma, puideron coñecer a súa historia percorrendo as distintas dependencias do Centro de Interpretación Histórica (polvoreira, cuartos do oficial e da gornición, cociña…).

A continuación achegáronse ao Santuario de San Andrés de Teixido onde cumpriron coas tradicións como visitar a fonte dos tres canos para formular os tres desexos preceptivos. Ao final da xornada matinal regresaron a Cabanas para, tras a comida, desprazarse a Betanzos. Coa “herba de namorar” nos seus petos retornarán a Murcia, namorados, sen dúbida, deste canto de Galicia e das súas singulares paraxes e coa satisfacción de ter ido a San Andrés en vida.

30 de setembro de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.