Marín adhírese ao programa “Actívate”
O concello de Marín, asinou a adhesión ao Programa “ACTÍVATE” en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A través deste programa solicitáronse dous cursos un de PINTURA E RESTAURACIÓN DE MOBLES e outro de TAPICERÍA. O obxectivo principal é desenvolver actividades formativas e educativas no ámbito do lecer e tempo libre, que sexan de interese para a poboación e respondan ás súas demandas.
As actividades formativas solicitadas terán lugar en Marín, na Antiga Cámara Agraria e poderán participar preferentemente, mozos e mozas sen emprego ou en activo de 16 a 35 anos, aínda que tamén poderán cursar a súa solicitude para participar aquelas persoas que non cumpran o requisito da idade, pasando a formar parte da relación de agarda que será utilizada no caso de que houbese prazas vacantes.
A duración do curso será de 40 horas e ao rematar será entregado un diploma acreditativo da realización do mesmo. O número mínimo de persoas necesario para levar a cabo a actividade será de 10 e poderá completarse ata un máximo de 25 participantes.
Para máis información poden dirixirse ao Centro de Información ás Mulleres do Concello de Marín, sito no segundo andar da casa principal da Finca de Briz ou chamando ao teléfono 986891802.











