Manuel Méndez toma posesión como membro da corporación municipal
Manuel Méndez Varela tomará posesión da acta de concelleiro no Pleno da Corporación Municipal que se celebra esta tarde. O veciño da Torre, de 29 anos, entra a formar parte do goberno de Tomás Fole ocupando a vacante deixada por Francisco González e ocuparase das relacións coas entidades veciñais do rural.
Méndez Varela participa dende hai anos en Novas Xeracións do PP, onde milita activamente dende 2008. Na actualidade, forma parte da executiva provincial de NNXX desempeñando o cargo de Coordinador de Acción territorial, e da executiva autonómica, onde ocupa unha das vocalías.
Méndez é veciño da Torre, aínda que dende hai un tempo reside na parroquia de Cea. Electromécanico de profesión, traballa na empresa familiar de transporte. A primeira vez que formou parte dunha candidatura do PP foi nas das eleccións de 2011, o que lle permite a partir de hoxe contar coa primeira experiencia na política local formando parte da Corporación Municipal e do equipo de goberno.











