Mantéñense as titorías de preparación das probas libres da ESO para adultos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concellería de Educación manterá durante a temporada de outono as titorías para axudar a completar as ensinanzas obrigatorias a aquelas persoas adultas que non dispoñan do graduado de ESO. As sesións de preparación das probas libres que se celebrarán no mes de xuño impártense dende hoxe no centro sociocultural da Torre e a asistencia é de balde. Os interesados poden incorporarse á actividade dirixíndose ao departamento de Educación.

Durante os vindeiros meses, os interesados poderán asistir ás titorías nas que docentes especializados lles resolverán as súas dúbidas sobre as materias de 3º e 4º curso da ESO das que deberán examinarse en xuño e lles axudarán a resolver os problemas que lles vaian xurdindo en cada caso. Dende a Concellería advírtese que este programa consiste en titorías de apoio, nas que os alumnos poderán resolver dúbidas e recibir explicacións das materias que deberán estudar por libre. O obxectivo destas sesións é que os alumnos conten coa preparación precisa para poder superar os exames que a Xunta realizará en xuño para a obtención do graduado da ESO.

Estas titorías preparatorias das probas libres para obter o título da ESO forman parte do programa de retorno educativo que desenvolve a concellería que dirixe Rocío Llovo. A actividade está dirixida a mozos de entre 17 e 24 anos de idade que abandonaran os estudos sen completar a ESO e que non estean matriculados nun centro oficial.

Aparte de facilitarlles que completen as ensinanzas obrigatorias, o programa tamén persegue abrir unha vía para que os alumnos poidan retomar os estudos podendo acceder a graos superiores, como o Bacharelato ou a Formación Profesional de Grao Medio. Trátase dunha alternativa que moitos mozos que se atopan en situación de desemprego poden aproveitar para mellorar a súa formación e currículo.

As titorías impartiranse de luns a venres en horario de 9 a 13 horas.

Dos cinco alumnos destas titorías que finalmente se presentaron á última convocatoria das probas libres da Xunta, catro superaron os exames e obtiveron o graduado da ESO.

23 de setembro de 2013 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.