“Malpica. O mar de Sisargas” inicia o programa formativo dirixido aos hostaleiros locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMalpica de Bergantiños
A-
A+

Desde a próxima semana e ata o 10 de outubro, os establecementos interesados en participar na Rede de Hostaleiros promovida polo proxecto ecoturístico “Malpica. O mar de Sisargas” teñen á súa disposición un completo programa formativo que se retoma tras o parón estival. As accións están encamiñadas a que coñezan de primeira man os recursos e valores turísticos da vila e que eles mesmos sexan os transmisores desta riqueza a turistas e a visitantes.

As charlas e clases prácticas desenvolveranse os martes e os xoves en horario de 17.00 a 19.00 horas entre o 17 de setembro e 10 de outubro no Centro Cívico de Malpica e nas instalacións de Fórum Carballo. Excepto á saída experiencial ao destino turístico Arousa Norte, ao resto das citas os hostaleiros poden acudir acompañados polo persoal do seu establecemento de xeito que se facilite a transmisión de coñecementos. O único requisito que deben cumprir os restauradores é asistir a cinco das oito accións formativas do programa.

Estes encontros tamén se aproveitarán para presentar aos hostaleiros a ferramenta TIC, de acceso exclusivo vía móbil, e a través da que se dixitalizaron os contidos do proxecto, así como a ferramenta de realidade aumentada.

Programa

O martes 17, o presidente da Asociación Galega de Profesionais do Márketing (Markea), Xosé Luís Reza, dará as claves de “Márketing para hostaleiros”. O relator, que na actualidade é profesor na Escola Universitaria de Turismo da Coruña – CENP e socio consultor en iuni Consulting, ocupou cargos de responsabilidade en coñecidas empresas como o de xefe de márketing comercial en La Voz de Galicia ou xefe de publicidade e promocións no operador galego R.

O chef Adrián Felípez, será o encargado de dúas sesións (xoves 19 e xoves 26). Na primeira delas poñerá en valor os produtos locais extraídos do mar de Malpica, complementados cos da terra, baixo o título “Cociña local. Coidar os nosos tesouros”. No segundo encontro continuará a formación no Fórum Carballo cunha sesión práctica sobre “Microgastronomía” na que ensinará aos asistentes como elaborar as mellores tapas e outros pequenos bocados con calidade e sendo competitivos. Adrián Felípez, xerente da asesoría Gastroconsulting, é o chef do restaurante do ArtBar (Razo-Carballo). O seu currículo inclúe estadías no Hostal dos Reis Católicos ou no Pazo de Bendoiro, entre outros, para a partir de 2008 completar a súa formación na costa de Girona. Alí traballou en El Celler de Can Roca (3 estrelas Michelín), Bo.Tic (1 estrela) ou Gala’s Restaurant.

O martes 24 de setembro impartirase unha sesión sobre “Cultura do viño”; o martes 1 de outubro será de “Atención ao cliente” e o xoves 3, os hostaleiros trasladaranse á Aula de formación de Cafés Delta (polígono de Carballo) onde o barista Sergio Quintela lles dará as claves para facer un bo café.

Xa o martes 8 a acción formativa estará dedicada a “Internet e Redes 2.0” e o xoves 10 está programa unha visita experiencial ao destino turístico Arousa Norte. O obxecto é que os hostaleiros malpicáns poidan comprobar como se poden realizar proxectos turísticos unindo esforzos, as vantaxes do traballo en rede e o potencial que ofrece o denominado turismo mariñeiro polo que se apostou na comarca do Barbanza.

Destacada presenza en redes sociais

A iniciativa “Malpica. O mar de Sisargas”, que se presentará en vindeiras datas, xa está activa, e con intensa actividade, nas redes sociais Facebook, Flirck e YouTube. En concreto, nesta última está colgado o spot promocional do proxecto que xa suma case 2.000 reproducións desde a súa publicación o 20 de agosto pasado.

“Malpica. O mar de Sisargas” é un proxecto de turismo experiencial promovido polo Concello de Malpica e financiado con fondos europeos GAC (Grupo de Acción Costeira). A través desta iniciativa recupéranse e póñense en valor os recursos marítimos existentes na vila, dun xeito sostible coa axuda das novas tecnoloxías e causando unha mínima intervención no medio.

13 de setembro de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.