Máis de mil persoas apúntanse ás actividades deportivas que oferta o Concello de Cedeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraLocal
A-
A+

Máis dun millar de persoas de todas as idades formalizaron a súa preinscrición nas actividades que oferta o Concello de Cedeira a través das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2013-2014. Así, se abre agora o prazo de confirmación de praza, que permanecerá vixente ata o día 27. A partir de entón, o Concello publicará o calendario definitivo o día 30 de modo que as actividades arranquen o 2 de outubro. En todo caso, a Concellaría de Deportes traballou para cadrar horarios e lograr que todo aquel que se apuntase no período de preinscrición poida tomar parte na oferta. Neste sentido, o Concello destaca a positiva resposta dos veciños á programación, cunha vintena de actividades posibles e cunhas tarifas alcanzables que oscilan, en función das horas, entre os 9 e os 12 euros mensuais. Tarifas menores para familias numerosas e para aqueles que opten por máis dunha actividade. Entre as máis demandadas na franxa infantil destaca o bádminton, ximnasia rítmica e baile e, nas propostas para adultos, o pilates e baile moderno. Ademais, nun e outro caso, a natación encóntrase tamén entre as actividades preferidas.

Non son as únicas, xa que a oferta do Concello tamén inclúe para os nenos educación física de base, tenis de mesa, patinaxe, bádminton, baloncesto ou fútbol-sala, entre outras. E, para os maiores, bádminton e ximnasia de mantemento, así como aeróbic, aquagym, saúde na auga ou natación para embarazadas.

Por outro lado, o Concello de Cedeira, a través da súa Concellaría de Obras e Servizos, concluíu esta mesma semana as obras de acondicionamento da cuberta do pavillón polideportivo. Unha intervención que permitirá acabar coas humedades xeradas na zona das oficinas a causa de filtracións. Así mesmo, as tarefas tamén incluíron o pintado interior destas dependencias de atención ao público.

24 de setembro de 2013 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.