Máis de 900 veciños reúnense na carballeira de San Nicolau para festexar o San Miguel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocal
A-
A+
Asistentes ao festexo

Asistentes ao festexo

Máis de 900 persoas, entre veciños de Frades e visitantes chegados dos municipios veciños, participaron hoxe domingo na tradicional Festa de San Miguel, no privilexiado entorno da carballeira de San Nicolau (Frades). A coincidencia da festa en domingo animou a centos de familias e peñas de amigos da comarca a superar os orballos que caeron ocasionalmente entre as 12 e as 14:00 horas e achegarse a comer a esta carballeira.

Iso si, as chuviscadas obrigaron a montar as tendas con tempo e a que todas elas estivesen cubertas. Así, a carballeira de San Nicolau encheuse de tendas de campaña, carpas de empresa e algunha que outra improvisada con plásticos sobre os bancos de pedra do lugar. A maiores, todos eles trouxeron da casa a comida, as mesas, as cadeiras, etc.

Un ano máis, o churrasco, a empanada e a tortilla foron as raíñas da xornada, xa que este ano non asistiu polbeira algunha. O seu posto foi cuberto por varios postos de rosquillas, churros e un de bocadillos e hamburguesas. O punto álxido da xornada tivo lugar pasadas as 14:30 horas, coincidindo coa saída en procesión do San Miguel polo entorno da capela.

A orquestra Estrellamar encargouse da sesión vermú. A presenza dunha carpa no campo da feira animou a moitos veciños e veciñas a botar unhas bailas xusto antes de xantar. O alcalde de Frades, Roberto Rey, exerceu de anfitrión dunha festa ata a que se achegaron alcaldes da comarca, como Ignacio Codesido (Touro), así como concelleiros de Frades, Ordes e Oroso. Todos eles participaron nun gran xantar organizado polas Novas Xeracións do PP e que congregou a máis de 300 persoas.

Para as 23:00 horas, logo das merendas e das ceas nas tendas, está prevista unha gran verbena coas actuacións das orquestras Estrellamar e Combo Dominicano e da cantante ordense Tania Veiras.

29 de setembro de 2013 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.