López Abella destaca a importancia do asociacionismo feminino no medio rural na reunión coa rexedora da Porqueira
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha xuntanza de traballo coa alcaldesa do concello ourensán de A Porqueira, Susana Vázquez Dorado, onde destacaron a importancia do asociacionismo feminino no medio rural coma forma de relación de mulleres de distintas xeracións.
A alcaldesa do concello ourensán quixo informar á secretaria xeral da Igualdade da inminente adhesión do municipio á Rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero. A día de hoxe, xa forman parte da Rede 137 concellos da comunidade galega. Coa recente adhesión de A Porqueira, xa son 23 os concellos ourensáns pertencentes a dita Rede.
Ademais desta cuestión, Vázquez Dorado resaltou o importante labor social que as asociacións de mulleres fan nun concello rural como A Porqueira. De feito, a Asociación de mulleres Rurais Fírveda está a levar a cabo actuacións que buscan a relación de mulleres de distintas xeracións.
Tamén Susana Vázquez Dorado quixo informar a Susana López Abella do programa de conciliación que levan a cabo no concello e que está a atender a día de hoxe a 15 familias de A Porqueira.