“Ler conta moito”, primeira iniciativa do curso na Biblioteca de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

O vindeiro venres 27 de setembro, de 18 a 19 horas, a Biblioteca Pública Municipal de Verín e a  Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, promoven a iniciativa Ler conta moito’.

A mesma está destinada a un máximo de 40 nenos/as socios/as da instalación, con idades comprendidas entre os 3 e 9 anos. O programa de dinamización de lectura ‘Ler conta moito’ ten por obxecto fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación, a través dun achegamento á biblioteca que esperte o interese polo que esta pode ofrecer, fortalecer o papel das bibliotecas como espazo de relación, aberto e participativo, e como axente facilitador da aprendizaxe permanente e da descuberta de novos temas e inquedanzas sociais; consolidar a programación compartida da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coa renovación permanente de propostas atractivas e de calidade, promover o desenvolvemento cultural como vehículo para o crecemento persoal e colectivo, e valorar o libro e, en xeral, a lectura como elemento de transmisión de coñecemento e de reflexión. Por este motivo, os/as asistentes poderán coñecer as historias máis asombrosas e inexplicables, a través da figura dun contador de contos profesionais, que transportará aos/ás nenos/as por todos os mundos, vivencias e soños imposibles e posibles.

‘Ler conta moito’ é a primeira iniciativa do curso escolar que se desenvolverá na Biblioteca de Verín, e conta coa colaboración do persoal da instalación e mozos/as voluntarios, con idades comprendidas entre os 11 e 16 anos, que durante o ano realizan actividades de Fomento da Lectura na instalación municipal -destinadas a nenos/as de 3 a 9 anos, e que xa foron recoñecidas, durante cinco anos consecutivos, na Campaña de Animación á Lectura María Moliner, co nomeamento como Biblioteca Asociada pola UNESCO, e co premio á Mellor Iniciativa ao Fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas 2011, concedido pola Federación de Gremios de Editores de España-.

Para participar na mesma é necesario inscribirse na propia biblioteca ou no teléfono 988-414776. Todos/as os/as usuarios/as poden informarse tanto na web da Biblioteca http://av.centromultimedia.net/microsite/verin/biblioteca/galego/index.htm, como no perfil da mesma en Facebook http://www.facebook.com/pages/Biblioteca-Publica-Municipal-de-Verin/104133986331021?=wall

24 de setembro de 2013 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.