Lalín acolleu a presentación da Festa do Percebe de Cangas

Sotelo e Rodríguez preparando os percebes
Este mediodía tivo lugar a presentación na sala de prensa do Concello de Lalín da Festa do Percebe de Cangas, que se celebrará os vindeiros días 13, 14 e 15 de setembro na dita localidade morracense. Ao acto acudiron o Primeiro Tenente de Alcalde do Concello de Lalín Román Rodríguez, o Alcalde de Cangas José Enrique Sotelo, o Patrón Maior da Confraría de Pescadores San Xosé Evaristo Fernández e o Representante dos Hostaleiros de Cangas Luís Guimeráns.
A Festa do Percebe ten como finalidade a promoción e exaltación dun dos produtos máis característicos da gastronomía canguesa, que ademais ten un importante valor para a actividade pesqueira posto que supón o 30% dos ingresos anuais obtidos pola Confraría de Pescadores coa recollida de máis de 20.000 quilos por ano polos 60 percebeiros que saen ao mar.
A idea de celebrar este evento xorde como consecuencia do éxito obtido coa Feira da Tapa, celebrada a comezos de verán. Foi entón cando os hostaleiros decidiron levar a cabo unha festa gastronómica que permite dinamizar a economía local cun produto local coma é o percebe, e que ademais, como afirmou o Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Cangas Evaristo Fernández, serve para dignificar unha profesión que non está a pasar polo seu mellor momento.
Durante o acto o Tenente de Alcalde Román Rodríguez quixo resaltar a boa relación que existe e existiu sempre entre a poboación de Cangas e a de Lalín así como salientar o importante desta iniciativa que está amparada tanto por axentes sociais coma económicos o que lle dá unha gran garantía a Festa do Percebe. Pola súa parte, o Alcalde de Cangas José Enrique Sotelo invitou a todos os veciños de Lalín a que se acheguen a probar os percebes á próxima fin de semana e tamén a coñecer o Concello de Cangas xa que ademais dunha boa gastronomía o municipio conta con 31 quilómetros de costa, 38 praias que o converte no Concello de Galicia que posúe un maior número de areais, cun bonito Casco Vello e cos xacementos arqueolóxicos de O Facho entre outras moitas cousas.
Os que se acheguen a Cangas durante os días 13, 14 e 15 de setembro poderán degustar os percebes nalgún dos 11 establecementos hostaleiros que participan desta iniciativa.En canto aos prezos das racións existen varias opcións segundo o gusto dos comensais. A básica, que inclúe 150 gramos de percebe e unha copa de Lagar de Cervera ten un prezo de 8.70 euros. Para os grupos hai unha tarifa especial que por 30 euros inclúe unha ración de 500 gramos de percebe e unha botella de Lagar de Cervera. A ración de 150 gramos sen bebida ten un custe de 7.00 euros. Tamén se pode adquirir unha botella de ¾ de Lagar de Cervera por un prezo de 10 euros.
Ademais, durante os días nos que se celebra esta festa un grupo de gaitas percorrerá as rúas e os establecementos hostaleiros para amenizar aos comensais a súa degustación.











