Julio Iglesias recorda ao presidente de Portos de Galicia a necesidade dun travel-lift no náutico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ares, Julio Iglesias, xunto cos responsables do Club Náutico, aproveitaron a visita desta mañá do presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para poñer enriba da mesa, unha vez máis, algunhas das principais reivindicacións desta entidade e da Confraría de Pescadores local, que irían en claro beneficio do conxunto dos usuarios das instalacións portuarias do municipio.

A colocación do travel-lift para barcos de 80 toneladas, como destacou o rexedor socialista, resulta fundamental. Esta infraestrutura, como xa se dera conta en anteriores ocasións, daría servizo ás embarcacións do pósito e do Náutico  e suporía un importante revulsivo para esta zona no eido da náutica deportiva e da pesca. Dase a circunstancia, ademais, de que o Goberno autonómico socialista deixara lista a mariña seca e o foso para esta elevadora de embarcacións, polo que unicamente restaría a súa colocación. Como indicou Iglesias, trátase agora de acadar a implicación da Consellería do Mar, departamento ao que neste mandato está adscrito o ente Portos de Galicia, e que xa financiou elevadores similares noutros portos da comunidade grazas a uns fondos europeos artellados para eses fins.

A renovación das cámaras de seguridade é outra das reclamacións plantexadas esta mañá no encontro con José Juan Durán, ademais da necesidade de ampliar o porto con dous novos pantaláns para as embarcacións pequenas. De feito, o Club Náutico conta cunha lista de espera de arredor de 20 embarcacións de 6 a 8 metros, polo que esta actuación suporía dar resposta a estas persoas que agardan por contar cun espazo no que deixar os seus barcos de recreo.

Na actualidade, estanse a executar as obras de canalización eléctrica ao porto de Ares, unha actuación que supón un investimento de algo máis de 40.000 euros e consiste na instalación da infraestrutura elécrica para incrementar a potencia –necesaria sobre todo na nave de departamentos, que conta, entre outras, cunha máquina de xeo- e da teléfonica para garantir o tránsito de datos dos usuarios das instalacións. Segundo informaron os técnicos de Portos, a colocación de cableado que dará estes servizos levarase a cabo o vindeiro ano, unha vez que quede rematada esta primeira fase.

4 de setembro de 2013 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.