izos Sociais de Cervo convocan de novo os cursos de memoria nas distintas parroquias do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocal
A-
A+

A Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Pilar Armada, abre un ano máis o prazo de inscrición nos cursos de memoria que se veñen impartindo nos últimos anos en distintos núcleos do municipio e que comezarán no mes de outubro. Uns cursos que se ofertan en todas as parroquias co obxectivo de facilitar a participación de todos os alumnos e alumnas que o desexen. Para anotarse poden achegarse ata a Casa da Cultura de San Ciprián ou ben chamar ao teléfono 982 59 51 57, indicando o seu lugar de preferencia para asistir ás clases.

Esta actividade ten unha longa tradición no Concello de Cervo e vén mantendo uns bos niveis de participación. Nela, os asistentes realizan numerosas tarefas prácticas para exercitar as súas capacidades cognitivas “moi positivas para manter a mente activa” e nun ambiente de compañeirismo, tal e como explica Armada.

Uns cursos que están dirixidos a persoas de 50 anos en diante, empadroadas no Concello de Cervo, e que desexen estimular a súa mente como forma de evitar a perda de memoria a través de numerosos exercicios e actividades prácticas. A dinámica das clases, participativa e amena, aumenta a súa efectividade e motívaos a seguir ano tras ano. Por iso, a maior parte dos alumnos son persoas que veñen participando nos cursos nos últimos anos, aínda que tamén os hai que se van incorporando.  

“O alumnado dos cursos de memoria é moi fiel, e adoita falar tan ben das clases que tamén animan a outras persoas a asistir, conseguindo un efecto chamada” explica Armada, “algo que agradecemos dende o Concello, xa que pretendemos que poidan beneficiarse desta actividade o máximo número de persoas”.  

16 de setembro de 2013 | 11:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.