Iván Alonso e Ton Campos proclámanse subcampións do Mundo de Maratón
Iván Alonso, en K-1, e Ton Campos, en C-1, proclamáronse subcampions do Mundo de Maratón na proba disputada en Copenhaguen. David Rodríguez ocupou a cuarta posición en C-2. Este domingo disputarase a modalidade de dobres.
Os padexeiros galegos ocuparon as primeiras posicións dende o inicio dunha competición esixente e dura, sobre todo polas malas condicións climatolóxicas. Iván Alonso, que defendía o título logrado o ano pasado, non se encontrou cómodo nas primeiras voltas.
Non obstante, foi capaz de reaccionar e manter un intenso duelo con Hank Mcgregor, o sudafricano ata o último porteo, dos sete de que constaba a proba. Na chegada, o rival do galego foi máis rápido e forte.
Iván Alonso recoñeceu que “loitei a tope, pero ao final gañoume pola súa maior fortaleza. Estiven preto da vitoria. Outra vez será. Deino todo e por iso estou satisfeito”. A diferenza na liña de chega entre ambos os dous foi de só cinco segundos.
Pola súa banda, Ton Campos e Marton Kavar, de Hungría, mantiveron unha loita entre os dous durante case toda a proba de C-1. O padexeiro galego realizou un grande esforzo e ao final tívose que conformar con ser segundo. Na última volta, o húngaro mostrouse moi forte no aspecto físico.
David Mosquera alcanzou a cuarta posición. É a segunda vez no seu historial deportivo que remata neste lugar. Quedou moi preto de poder conseguir unha medalla.
Para a xornada do domingo quedan as probas dos barcos dobres. Iván Alonso xunto a Emilio Merchán competirán en K-2. Na especialidade de C-2 estarán Ton Campos e Diego Romero, por un lado, e Óscar Graña e Ramón Ferro, por outro. As tres embarcacións son favoritas a conquistar algunha medalla.











