Inícianse as obras de ampliación da rede de abastecemento de auga en Golmar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha iniciou a execución das obras incluídas no proxecto de ampliación da rede de abastecemento de auga potable na parroquia de Golmar, actuación a través da que se levará o subministro aos núcleos de A Pedra e A Fonteseca.

A traída para A Fonteseca require da instalación dunha rede que alcanzará a lonxitude de 350 metros. A de A Pedra será incluso máis longa, en concreto de 550 metros. Por tanto, serán instalados un total 900 metros lineais de tubaxes para dar servizo ás vivendas situadas nestes núcleos de poboación, nas que residen, segundo datos do padrón de habitantes, corenta veciños.

O Concello da Laracha continúa apostando pola ampliación e mellora das redes de abastecemento e saneamento, realizando un importante esforzo económico tanto con fondos propios como a través da participación en plans a Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia.

Neste sentido, recentemente remataron as obras de dotación coa rede de abastecemento ao núcleo de Lista (parroquia de Lendo). En breve iniciaranse os traballos de similares características para levar a traída ao lugar de A Ferraría (Coiro). En canto ao saneamento, está proxectado dotar con este servizo aos núcleos de O Retorno (Lendo), O Igrexario de Soutullo e o tramo entre O Rapadoiro e Coirón (Coiro).

13 de setembro de 2013 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.