Inícianse as melloras na contorna do campo de fútbol de Marcón
O Concello de Pontevedra iniciou nestes días os traballos de arranxo e reurbanización de toda a contorna do campo de fútbol de Marcón. Un proxecto moi importante para dar servizo a este punto de centralidade parroquial, e que terá un investimento de máis de 100.000 euros.
O Concello, a través do departamento do rural que coordina Demetrio Gómez, acometerá o proxecto en distintos ámbitos. Na actualidade traballa na reurbanización do aparcamento do campo de fútbol de Marcón. Está previsto o tratamento en superfice, a creación dun muro, habilitar un acceso peonil ao aparcamento, tratar todos os alcorques da parcela, crear unha rede de recollida de augas pluviais, medidas de calmado do tráfico, e ampliar a propia parcela cunha cesión da comunidade de montes.
Tamén está previsto unha reordenación do tráfico dentro do aparcamento, porque non é o máis axeitado. Prevese facer un acceso cara a estrada de Tomeza, o que permitirá canalizar mellor os tráficos dentro do aparcamento. Por detrás do estacionamento, tamén está previsto mellorar a parcela existente coa súa explanación, urbanización e asfaltado. Esto mellorará os accesos e ampliará o espazo de aparcamento na zona, que día a día incrementa o número de usuarios.
Para completar a actuación, está previsto a instalación dun paso de peóns elevado para mellorar a seguranza viaria no ámbito do colexio de Marcón. Dado que neste punto paran o autobuses escolares e hai unha grande afluencia de nenos en período escolar. Esta actuación integral no ámbito do campo de fútbol de Marcón obedece á prioridade política marcada polo Goberno local neste mandato de ir mellorando os espazos e incrementado a calidade de vida nos núcleos de centralidade parroquial, que son os que maior número de concentración de veciños reciben ben porque residen nela, ou ben porque acuden á zona ao se atoparen os equipamentos da parroquia, como no caso de Marcón.











