Inícianse as melloras da conexión do Camiño da vía con Valdecorvos e Loureiro Crespo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPontevedra
A-
A+

O concelleiro de accesibilidade, Luís Bará visita esta tarde, a partir das 19.00 horas, as obras que o Concello iniciou esta semana no Camiño da vía, que une o barrio de Valdecorvos coa Seca (o punto de encontro é pasado o acceso viario de José Malvar a Valdecorvos). Trátase dun viario peonil moi empregado por todos os veciños da zona para dirixirse cara a zona de Loureiro Crespo.

O acceso viario de José Malvar a Valdecorvos rompeu este camiño, deixando zonas dun desnivel importante que pode resultar perigoso para todos os veciños que a diario empregan este camiño. O concelleiro Luís Bará mantivo varios encontros con eles para analisar unha posible solución a este problema e buscarlle solucións.

Os traballos comezaron esta semana e cun orzamento de 20.000 euros tratarase de minimizar a problemática actual, dando resposta á
demanda veciñal e dos usuarios.

O concelleiro aproveitará para manter unha reunión coa asociación de veciños Manuel Quiroga no Local social Pontevedra Leste, a partir das 20.00 horas, para falar sobre a programación sociocultural do centro. E unha hora despois, ás 21.00 horas, no mesmo lugar, manterá un encontro coa asociación de comerciantes de Loureiro Crespo para abordar as obras de accesibilidade e seguranza viaria que o departamento de Luís Bará acometerá proximamente na zona.

4 de setembro de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.