Inaugúrase en Teo a mostra de moda “Amálgama” de Tania Martínez
O Departamento de Cultura do Concello de Teo, dirixido por Carme Hermida, programou unha mostra de moda da deseñadora Tania Martínez, natural de Cacheiras. A inauguración realízase esta tarde na Mediateca do Grilo baixo o título “Amálgam”. O acto contará coa presenza da concelleira de Cultura.
O traballo desta promesa do deseño galego poderase ver en Cacheiras ata finais de mes. A mostra é unha mistura de deseños de Tania, de aí o nome Amálgama. Trátase dunha mostra de traballos dende os seus comezos como estudante ata o inicio da súa traxectoria profesional. A mesma deseñadora explica que nesta exposición se pode ver “como se supera a idea inicial de confeccionar prendas espectacularmente estéticas, para conseguir que esas mesmas prendas sexan unha parte máis da persoa, unha extensión do corpo”.
Na Mediateca poderanse ver algúns dos modelos da colección Oniric, coa que Tania gañou o recoñecemento á mellor colección emerxente na Galicia Fashion Week esta pasada primaveira. Este premio permitiulle a esta veciña de Cacheiras estar esta pasada fin de semana no espazo EGO do MOMAD Metrópolis, unha feira de moda multisectorial organizada por Ifema en Madrid.
Na mostra ademais de prendas de roupa tamén haberá fotografías de roupa creada pola deseñadora. O horario de visita da exposición é de luns a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 e os sábados de 10:00 a 13:00 horas.
Tania Martínez Lareo (Cacheiras, 1990), estudou deseño de moda na EASD Mestre Mateo de Santiago e sigue formándose na Escola de Deseño Susa Suárez de Compostela.











