Inauguración do campo de fútbol da Ran en Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisLocalPontevedraProvincias
A-
A+

 O presidente da Deputación de Pontevedra inaugurou hoxe o campo de fútbol da Ran en Cuntis acompañado polo alcalde do Concello, Antonio Pena Abal, e o presidente do club de fútbol José Parama Arca.

Un millón de euros foi o orzamento destes labores, que supuxeron a ampliación do terreo de xogo e a reforma das instalacións e da contorna do campo de fútbol, dando lugar practicamente a un novo campo, que conta agora cunhas dimensións de 105 x 63 metros, dous campos transversais de fútbol-7, céspede artificial de última xeración, bancadas cubertas para 328 espectadores, bancadas para suplentes, un marcador electrónico e un sistema de rego e de drenaxe con canles de recollida de augas. Ademais, forneceuse dun xogo de porterías de fútbol once; dous xogos de porterías de fútbol sete; e un xogo de bandeiriñas de córner.

En canto ás obras realizadas nas inmediacións do campo, urbanizouse a parcela, instalouse un novo peche perimetral, axardináronse as zonas verdes e pavimentáronse os aparcadoiros completando a mellora do contorno. Tamén se construiu un edificio anexo ó campo destinado a vestiarios, almacén, bancada, oficina, control de acceso, baños e bar.

Mellora do municipio

Situáronse os aparcadoiros para vehículos na zona frontal do campo, a carón da N-640, e outro na parte traseira. Para os autobuses habilitouse un espazo no lateral do campo. Estas actuacións mellorarán significativamente a imaxe de Cuntis, xa que o terreo de xogo está situado xusto na entrada ó concello.

Para mellorar as conexións en todo o municipio, a Unidade de Estradas do Estado analizou a creación dunha senda que una o centro urbano co campo e que permita chegar a pé ata el sen perigo. As obras consistirían en darlle continuidade (uns 300 metros) ata o campo da Ran ás beirarrúas que van desde o núcleo urbano ata o polígono.

2 de setembro de 2013 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.