Impulso aos obradoiros de economía doméstica e habilidades sociais dentro do plan “Ferrol en familia”
A concelleira de benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe da próxima posta en marcha de dous novos obradoiros que forman parte do proxecto de reforzo Ferrol en Familia, enmarcado no Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal. Este proxecto de apoio ás familias en momentos de transición e crise ou en situacións de adversidade, serve para superar os retos que estas circunstancias suscitan e promover os cambios necesarios para afrontalas. A partida orzamentaria destinada a este novo programa Ferrol en Familia é de 6.000 euros.
O obradoiro de economía doméstica “Euro con Control” está dirixido a familias con menores ao seu cargo que sexan usuarias dalgunha das UBTS do Concello de Ferrol, principalmente aquelas que sexan beneficiarias do RISGA ou se atopen en trámites de selo, e a súa traballadora social de referencia considere oportuna e necesaria a súa participación en dito obradoiro. A edil de Benestar Social explicou que os obxectivos deste curso son: adquirir uns coñecementos básicos de economía doméstica; mellora a situación económica persoal dos participantes mediante recomendacións para o control de gastos, o aforro ou realización dun presuposto; aprender a dar prioridade as necesidades básicos como son o alimento, vestiario e a casa; e aprender técnicas e estratexias de aforro doméstico.
Dificultades de carácter social
O taller de “Desenvolvemento das habilidades sociais básicas” constituirá unha ferramenta básica para as persoas que teñan dificultades de carácter social e se encontran con numerosos conflitos ao longo da súa vida, como pode ser entablar amizades, convivir en parella, ou a integración laboral. Esta iniciativa ten como obxectivos fundamentais: adquirir e utilizar habilidades sociais básicas na súa vida diaria, así como habilidades asertivas, de conversación ou un bo autocoñecemento. Os participantes deberán ser usuarios do Edificio Social e da Casa Solidaria e os mesmos serán derivados pola súa traballadora social de referencia.











