publicidade hoxe

Impulso á tramitación do PXOM de Parada de Sil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaParada de Sil
A-
A+
Reunión para avaliar o PXOM de Parada de Sil

Reunión para avaliar o PXOM de Parada de Sil

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, mantivo unha reunión de traballo co tenente de alcalde de Parada de Sil, Ángel Manuel Rodríguez Magide, co fin de impulsar a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deste municipio.

Na actualidade este concello dispón de Normas Subsidiarias de Planeamento (NSP) aprobadas en 1985. A redacción do PXOM está contratada dende o ano 2005, constando un Informe Previo á Aprobación Inicial (IPAI) de 2008.

O Goberno galego ofrece colaboración de carácter técnico e económico aos concellos galegos para acadar figuras urbanísticas, neste caso o PXOM, que ordenen o territorio e fomenten un desenvolvemento sustentable.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realiza unha achega económica de preto de 107.000 euros ao Concello de Parada de Sil para a redacción e tramitación do planeamento urbanístico.

Relación de estradas
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publicou onte a relación e clasificación de estradas de titularidade municipal do concello de Parada de Sil. En total, este concello xestionará e conservará un total de 32 vías da rede secundaria que suman un total de 50,3 quilómetros de lonxitude.

O expediente tramitouse ao abeiro dos artigos 6 e 10 da vixente Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, que lle atribúe ao Consello da Xunta a competencia para aprobar a relación e clasificación das estradas de titularidade das entidades locais, en defecto do correspondente plan. O pasado 23 de xullo de 2013, a Deputación Provincial de Ourense solicitou á Xunta de Galicia, por instancia do Concello de Parada de Sil, a aprobación da relación de estradas de titularidade municipal do devandito concello, ao abeiro do artigo 6.b) da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de Estradas de Galicia, e demais lexislación relacionada.

27 de setembro de 2013 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.