Impulso á comarcalización do parque de bombeiros de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio colaborador

Sinatura do convenio colaborador

A Deputación da Coruña acolleu a sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e o Consorcio Provincial de Bombeiros da Coruña de cara á comarcalización do parque situado en Ferrol. 

Ao acto da sinatura asistiron o presidente provincial, Diego Calvo; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o alcalde ferrolán, José Manuel Rey; e o presidente do Consorcio Provincial da Coruña, Santiago Villanueva.

Todos eles, acompañados polo xerente do Consorcio, José Luis Barca, e a delegada da Xunta, Belén Do Campo, coincidiron en sinalar a importancia que supón a sinatura deste convenio, xa que, en palabras de Calvo, “estamos a dar un paso importantísimo que tiñamos pendente para que todos os concellos da ría de Ferrol teñan garantida a asistencia en caso de emerxencia”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, afirmou que a sinatura deste convenio é unha mostra clara da colaboración entre administracións “para ofrecer un servizo cualificado e profesionalizado a todas as persoas, vivan onde vivan”.

O presidente da Deputación coincidiu tamén co alcalde ferrolán e o vicepresidente da Xunta en salientar que “estamos a unir esforzos, aproveitar servizos que xa existen e a fomentar a colaboración entre administracións” para chegar ata a comarcalización dun parque que, grazas a este convenio, atenderá os concellos de Ares, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda e Valdoviño e ás súas poboacións, que ascenden a case 45.000 persoas.

Ningún destes concellos conta con parque propio de bombeiros, xa que a lei establece un número determinado de habitantes ou extensión para esixir a creación dunha instalación deste tipo. O efecto deste convenio manterase durante un ano e terá carácter prorrogable a partir de entón.

Investimento

Para a comarcalización do parque de bombeiros de Ferrol, o primeiro dunha grande cidade galega que opta por esta opción, a Deputación da Coruña, a través da súa participación no Consorcio Provincial da Coruña, investirá 218.000 euros.

30 de setembro de 2013 | 15:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.