Homenaxe municipal con motivo da xubilación do Xefe da Policía Local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Homenaxe da corporación e compañeiros

Homenaxe da corporación e compañeiros

A Alcaldía de Carballo vén de acoller un acto de homenaxe por parte tanto dos traballadores municipais como dos membros da corporación en agradecemento ao traballo realizado até o de agora, momento da súa xubilación, por Constantino Vázquez, Xefe da Policía Local. Retírase despois de máis de 38 anos “de dedicación á seguridade pública”, tal e como consta na escultura de Sargadelos con forma de carballo que recibiu de parte do Concello e de mans do Alcalde, Evencio Ferrero. Tamén por parte da administración local recibiu un pin conmemorativo, mentres que de parte dos traballadores, representados por José Facal, presidente da Xunta de Persoal do Concello, recolleu un reloxo así como un xogo de copas e escanciador de viño. Estiveron presentes no acto, ademais do propio homenaxeado, Ferrero e Facal, a maioría dos concelleiros de Carballo que no seu momento asumiron as funcións de velar pola seguridade e o tráfico, como Ricardo Vilas, José Manuel Vázquez Gómez, Basilio Fraga, Carlos Puga, Ramón Eirís, Benedito Viña ou o concelleiro actual, Xosé Regueira.

Así mesmo, acudiron os voceiros de PP, TEGA e PSOE, Alberto Sueiro, Manuel Andrade e José Antonio Viña, ademais doutros membros do goberno do BNG como Milagros Lantes, Marcos Trigo, Belén Lendoiro ou Luís Lamas. O Capitán da Garda Civil, Jesús del Río, tamén estivo presente no acto. Nun breve discurso, Constantino Vázquez lembrou os seus comezos na Policía Local, así como o feito de que foi Xefe da Policía Local á temperá idade de 28 anos. Subliñou que sempre tentou desempeñar o seu labor “o mellor posible” e quixo agradecer a colaboración e o bo entendemento que tivo cos respectivos concelleiros encargados da área de seguridade, cos sucesivos alcaldes que tiveron trato con el, e especialmente a colaboración dos seus compañeiros na Policía Local durante tantos anos de traballo, sempre co fin de “atender ao cidadán”. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, agradeceu tamén o traballo de Constantino Vázquez coa vontade de “mellorar Carballo”, xa que Carballo “o facemos entre todos”.

6 de setembro de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.