Gumersindo Vázquez gaña o VII premio de pintura Manuel Rebón-Concello de Ares
O premio de 1.200 euros á mellor obras das corenta presentadas en prazo á séptima edición do certame de pintura Manuel Rebón-Concello de Ares foi para o vigués Gumersindo Vázquez Fraga, por “Lembranzas de Ares”. Así o decidiu o xurado na xornada de onte, despois dunha longa deliberación, posto como deixaron de manifesto, a calidade de moitas das obras era altísima. No caso da categoría de mellor pintor local, o premio de 300 euros foi para Francisco Manzano Méndez, de Redes, por “Gaiteiro na praza do palco”.
En canto aos accésits, o primeiro foi para Isarael Jiménez Medina, de Santiago, que presentou a obra “Pulsiones”, mentres que o segundo o recibiu a coruñesa Lola Saavedra, por “Néboa entre lusco e fusco”.
Tal e como se informara, o xurado estivo integrado por persoas vencelladas co mundo da cultura, exercendo o secretario da área, o socialista Eugenio Fernández, como vocal sen voto. Nomedamente, conformárono o gañador da edición do pasado ano, Oscar Cabana; a mellor pintora local da tamén edición anterior, Josefina Vales; e a profesora e licenciada en Belas Artes, Chus Alonso.
Mañá domingo, a partires das 13.00 horas, inaugurarase unha exposición no CIRS de Cervás, que estará aberta ata o 28 de setembro, data na que ademais da clausura da mostra procederase á entrega de premios, nomeadamente ás oito da tarde. O horario de visitas será de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas, de luns a domingo.