Gran participación da veciñanza coruñesa no Plan de Mobilidade Urbana Sostible
A concelleira de Tráfico, Mobilidade, Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, reuniuse coa Asociación de Veciños en acción Sagrada Familia, Vioño, Los Mallos e coa Asociación de Veciños e Comerciantes Paternidade Área Sagrada Familia cumprindo, así, co compromiso do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de darlle protagonismo á participación cidadá.
Freire sinala que estas reunións forman parte do cumprimento dos requisitos de participación cidadá nos que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible está a facer especial fincapé e avanza que os datos obtidos están a achegar un alto valor engadido non só á fase de diagnóstico, senón tamén á definición de obxectivos e deseño de solucións.
Informou tamén doutras reunións mantidas durante esta semana con distintas asociacións de veciños e comerciantes, tales como: Asociación de Veciños e Comerciantes de La Falperra, Asociación Grande Área Comercial Riazor, Asociación de Veciños Riazor-Estadio, Asociación de Veciños O Parque de Santa Margarida, Asociación de Comerciantes Anxo Senra e Novos Xulgados, Asociación Comercial Distrito Mallos e Asociación de Comerciantes Área Viva (Zona Santa Margarida-avenida Finisterre). Tamén mantivo encontros con colectivos de usuarios de bicicletas e motos, o tecido empresarial dos polígonos industriais e transportistas. O calendario considera a participación directa dunhas 150 entidades ou colectivos.
As reunións cos representantes das entidades estruturáronse cos seguintes obxectivos:
. Expoñer os compromisos xerais da mobilidade sostible e a importancia da participación cidadá para lograr obxectivos consensuados.
. Invitar á participación tanto individual coma colectiva dos asociados, a través da enquisa á que se accede dende a páxina web ou ben telefonicamente.
. Recibir información e suxestións de primeira man sobre os problemas de mobilidade identificados polas entidades, tanto dende o punto de vista veciñal como comercial, que reforcen e aseguren un bo diagnóstico para a súa posterior avaliación e, no seu caso, para a incorporación de propostas ao PMUS.
Freire recalcou que estes encontros son só un dos niveis de participación cidadá para que as persoas teñan influencia e relación directa co PMUS, xa que ademais se conta con outras canles como:
. Barómetro da mobilidade xa iniciado hai meses (enquisas telefónicas organizadas con rigorosos procedementos demoscópicos) dirixido a perfís de persoas de hábitos e idades moi diferentes.
. A propia enquisa online (www.coruna.es/pmus) na que xa participaron aproximadamente unhas 500 persoas e a súa alternativa mediante teléfono (981 167 317)
. As enquisas a usuarios do transporte público, efectuadas a pé de rúa.
. Reunións sectoriais e dinámicas de grupo.
. A propia web do PMUS, que é unha porta aberta á mobilidade sostible, sinxela e amigable.
Begoña Freire subliñou que esa metodoloxía de traballo é necesaria para lograr “un PMUS transparente, de carácter aberto, sen decisións prefixadas e o que é máis importante: elaborado por e para todos”, e engadiu: “Este equipo de goberno levaría a cabo esta participación aínda que a lei non o esixise, porque o PMUS desta cidade tan transversal, dinámica, inquieta, potente e con liderado, está especialmente enfocado cara á persoa”, asegurou.
“Se importante é a participación, tamén éo que todos entendamos que a mobilidade sostible non é unha moda, é unha necesidade real que ten que ver con todos nós, igual que real é a problemática actual debida aos moitos anos de mala planificación, déficit de aparcadoiros nos nosos edificios, singulares características do istmo coruñés e a relación da nosa cidade co resto da bisbarra”, afirmou.
Freire matizou que o PMUS da Coruña non será un documento para o estante e que a participación coa que se está a elaborar é un dos aspectos que máis valor engadido achegará, permitindo que a toma de decisións sexa máis universal. A concelleira finalizou facendo un chamamento á implicación cidadá: “A concienciación e implicación de todos é vital neste proxecto, e espero que os grupos da oposición e que os que antes gobernaron e non fixeron o seu traballo estean á altura dos cidadáns, aos que lles agradezo o seu tempo e participación neste proxecto común tan importante para toda a cidade,”.











