Gondomar realiza tarefas de limpeza e valado de colectores en Peitieiros
O Concello de Gondomar continúa limpando e adecuando numerosos puntos de recollida de residuos. Tras levar a cabo diversas actuacións nas parroquias de Donas, Vilaza, Gondomar e Vincios, esta vez as actuacións centráronse na parroquia de Peitieiros.
As tarefas consistiron na limpeza, valado e sinalización con paneis informativos das normas e horarios dos puntos de recollida de residuos, así como do punto limpo do municipio. Neste sentido, dende o Concello de Gondomar recórdase aos veciños que o servizo do punto limpo é totalmente gratuíto e anima os veciños a colaborar para manter estas zonas limpas e libres de residuos.
En total adecuáronse tres zonas ademais de realizar un muro de contención nunha delas. Este muro impedirá futuros desprendementos, á vez que permite o retranqueo dos colectores facilitando, deste xeito, que os veciños depositen os residuos nos colectores sen necesidade de invadir a calzada.
Os traballos foron realizados por operarios do Concello pertencentes ao departamento de Vías e Obras que dirixe Jesús Salgueiro, a petición e en colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente, a cal dirixe Juan Carlos González.











