Gondomar homenaxea ao deportista local Martín Pintos

Entrega de obsequio a Martín Pintos
Con motivo da celebración este fin de semana do XIII Torneo Aberto Internacional de Tenis de Mesa Concello de Gondomar, o alcalde do municipio, Fernando Guitián e a concelleira de Deportes, Natalia Salgueiro recibiron a Martín Pintos Barreiro, veciño de Gondomar e xogador da Agrupación Deportiva Vincios de Tenis de Mesa.
O mozo deportista, que participará no devandito torneo, foi agasallado cun obsequio como recoñecemento aos seus logros deportivos. Natalia Salgueiro, concelleira de Deportes sinala que “no Concello de Gondomar estamos moi orgullosos dos resultados acadados por Martín, que a pesares da súa mocidade demostra que con esforzo e dedicación pódense conseguir grandes cousas.”
Pintos, nacido en setembro de 1998, acadou na súa carreira deportiva títulos tan importantes como o de Campión Galego na categoría Cadete Individual no pasado ano 2012. Neste 2013, participou coa Selección Galega no Campionato de España de Tenis de Mesa disputado en Badajoz, posicionouse como o primeiro do Ranking cadete do Circuíto Galego e como quinto do Ranking Infantil Español, entrou a formar parte da División de Honra Masculina da Agrupación Deportiva Vincios, alzouse co título de Campión Galego por Equipos Cadete en Cambados e converteuse no Sub-campión Español Infantil Individual, entre outros logros.
XIII Torneo Aberto Internacional de Tenis de Mesa Concello de Gondomar
Os próximos sábado e domingo, días 21 e 22, terá lugar o XIII Torneo Aberto Internacional de Tenis de Mesa Concello de Gondomar, organizado pola Agrupación Deportiva Vincios co patrocinio do Concello de Gondomar.
A competición, que terá lugar no Pavillón Municipal en horario de mañá e tarde (de 9.30 a 20.00 horas), congregará a 290 xogadores, 55 deles portugueses. Na xornada do sábado competirán 165 xogadores, nas categorías base e veteráns e 125 no domingo, coa absoluta e afeccionados.
Disputaranse 600 partidos repartidos en 16 mesas de xogo. Os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo.
A entrada é libre.











