Gondomar entrega os premios ás mellores “Tapas del Conde”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarLocal
A-
A+
Foto de familia cos premiados

Foto de familia cos premiados

O Concello de Gondomar fixo entrega dos premios das xornadas Las Tapas del Conde, organizadas pola Comisión de Hostaleiros de Gondomar, en colaboración coa Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Concellaría de Turismo do Concello de Gondomar, os pasados días 16,17 e 18 de agosto.

Ao acto acudiron o alcalde do municipio, Fernando Guitián, a concelleira de Turismo, Paula Bouzós e o Conde de Gondomar, D. Gonzalo Fernández de Córdoba.

Reunido o xurado e despois de arduas e complexas deliberacións, o Restaurante Vitrola co seu Montadito de xabaril con salsa de cítricos, Ágora Cervería con Tosta de polo con champis e queixo e o Café Bar Estanco cos seus calos foron os galardoados cos premios ás mellores tapas. O xurado destaca delas “un esforzo distinguible, que xera na boca unha atractiva potencia que estoupa en sabores”.

Pola súa parte, a novidosa utilización das viandas, a súa calidade e diferenciación fixeron que a Tapería Rural Ardora con Bocado do Medievo, o Restaurante Pazo da Escola co Bocado Caralludo, a Xamonería Catro Camiños coa Tapa Catro Camiños, a Cervería Bugus con Tapa Campesina e a Tapería Seixos co Lacón con patacas e chourizo fosen recoñecidos cos seus respectivos accésits.

Nesta primeira edición de Las Tapas del Conde, participaron 13 establecementos do municipio, aos que se lles fixo entrega dun diploma que recoñece o esforzo e participación nestas xornadas.

O alcalde do municipio, Fernando Guitián e o actual Conde de Gondomar, D. Gonzalo Fernández de Córdoba agradecen “á Asociación de Empresarios de OVALMI e á Asociación de Hostaleiros de Gondomar o seu apoio decidido a estas xornadas gastronómicas, a todos aqueles que participaron na degustación e que gozaron do bo facer dos cociñeiros da comarca pola fe que demostraron ao involucrarse no evento”, ademais de “a todos os participantes, pola súa hospitalidade, a cantidade da tapa, a calidade, o bo facer, o coidado exquisito na presentación e o detalle”.

Paula Bouzós, concelleira de Turismo, valora moi positivamente esta primeira edición de Las Tapas del Conde, xa que “supoñen unha importante promoción dos distintos establecementos gondomareños entre os veciños e visitantes” e anima a todos os hostaleiros que aínda non participaron a estar presentes na seguinte edición.

4 de setembro de 2013 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.