“Gómez”, “Raygrass III” e “Argallán” vencedores da XXVIII Regata de Amizade no Real Club Náutico da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes PortadaLocal
A-
A+
Instante da regata

Instante da regata

Finalizou a 28ª edición da tradicional REGATA DA AMIZADE que organiza o Real Club Náutico Da coruña para a clase cruceiro e que pecha a tempada de verán na Coruña.

Con puntualidade, deuse a saída ás 15.30 horas dende o interior do porto coruñés cun vento do sur-sueste con 15 nós de intensidade.
A primeira parte da regata transcorreu moi rápida, pero á saída da baía da Coruña, ao través do Seixo Branco, unha grande acougada reagrupou a toda a frota, que a duras penas e moi agrupada, chegaban á baliza do Porto Exterior unha hora. Os primeiros en pasar por esta baliza foron o “Kotablue” de Quique Vilariño, “Gómez” de Andrés Soto e “Salseiro” de Julián Ojea. Neste punto os barcos máis grandes tiñan que entrar na ría de Sada para virar unha baliza en Lorbé, pero o Comité de Regatas viuse obrigado a cambiar o percorrido e envialos de volta a Coruña porque o vento perdía presión drasticamente ao achegarse a Lorbé. Desta forma navegaban en cinguida cara á a chegada situada aos pés do Castelo de San Antón. O primeiro barco en cruzar a liña de chegada sería o “Gómez” de Andrés Soto, que nunha grande cinguida adiantou ao “Kotablue”, gañando a proba en tempo real e compensado, por diante do “Kotablue” de Quique Vilariño segundo en tempo real e compensado. A terceira praza sería para o “Salseiro” de Manuel Blanco.

En clase ORC 2, vitoria en tempo compensado do “Raygrass III” de José A Núñez, segundo clasificado a “Fazula” de Francisco Edreira e terceiro o “Argos” de Luis Bodelón.

En clase ORC 3, vitoria do “Argallán” de Domingo Plana, 13 minutos por diante do “Patacón” de José Ubago, e en terceira posición o “Elea” de Manuel Veloso.

En clase ORC Open, o vencedor foi o “Saiola” do CN Ribadeo, segundo clasificado “O Bambán” de Pedro Roca, terceiro clasificado o “Arofa” de Fausto López.

A partir das 19.30 horas, con todos os barcos atracados en porto, comezou a tradicional “Festa da Amizade”, no pañol do Real Club Náutico Da coruña, cunha cea mariñeira para todos os regatistas e acompañantes, durante a cal se fixo a entrega de trofeos aos vencedores e o tradicional sorteo de regalos doados polos colaboradores da regata, que este ano foron Coca-Cola, Estrela Galicia, Gadis, Martín Codax, All Nautic, Ficar Home, Nauga, Meliá María Pita, Efectos Navais Pombo, Mamá Dores, 55 Pounds, Instelda e Autos Cal Pita.

30 de setembro de 2013 | 11:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.