Galicia, Italia e Francia posiciónanse na 11ª Cata Internacional de Augas
A auga mineral natural converteuse no protagonista da segunda xornada de Termatalia. Na sesión de hoxe celebrouse a undécima edición da Cata Internacional de Augas, dirixida pola Asociación de Sumilleres de Galicia GALLAECIA. Un xurado internacional de expertos foi o encargado de valorar as augas e ditar veredicto cos seguintes resultados:
As augas premiadas foron:
Agua de mineralización débil:
1º premio: La Galvanina (Italia)
2º premio: Fontecelta (Galicia)
3º premio: Eau Minerale de Luchón (Francia)
Agua de mineralización muy débil:
1º premio: Agua Sana (Galicia)
Agua con gas:
1º premio: Cabreiroá (Galicia)
2º premio: La Galvanina (Italia)
Ademais, por primeira vez nesta edición de Termatalia concedéronse distincións especiais á “Política empresarial en responsabilidade social corporativa e medio”, que recaeu en Augas de Borines (Asturias) e ao “Envase innovador”, que foi para Augas de Mondariz (Galicia).
Continuando coa dinámica de promover a cultura da auga no sector da restauración, hoxe desenvolveuse un curso de nivel avanzado de Hidrosumiller, impartido pola Associazione Degustori Acque Minerali (ADAM), de Italia. Con esta actividade búscase favorecer o coñecemento da auga mineral e potenciar a presenza de cartas de augas no ámbito da hostalaría.
No marco do Ourense Thermal Spa & Fashion Meeting, hoxe desenvolveuse o encontro do deseñador ourensano Adolfo Domínguez cos profesionais do sector do turismo de saúde e benestar procedentes de diversos países de Europa e América Latina. O obxectivo desta nova actividade consiste en vincular dous dos referentes internacionais da nosa provincia, moda e termalismo.
En canto á actividade institucional, o Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda realizou unha visita ao evento, e mantivo unha reunión coas delegacións de Termatalia no exterior, cuxos representantes promoven esta feira internacional e ao mesmo tempo Galicia como destino turístico termal de primeira orde en 20 países de Europa, América, África e Eurasia.
Sesión científica de Hidroloxía Médica
O uso terapéutico das augas mineiro-medicinais centrou a Sesión científica sobre Hidroloxía Médica, Hidroxeoloxía, Auga e Saúde, incluída na oitava edición do Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo.
Os relatores desta xornada, expertos en temas de saúde e termalismo procedentes de distintos países, abordaron temas como o papel dos balnearios como centros terapéuticos con especial atención á súa achega no tratamento da Fibromialxia ou en pacientes oncológicos; a eficiencia social do termalismo ou o seu uso na vertente da estética e a cosmética dando a coñecer a experiencia concreta de Francia e México. Esta xornada serviu, ademais, para afondar no coñecemento da auga e as súas indicacións para a saúde.
Comunicacións científicas
Como novidade nesta edición, Termatalia acolleu hoxe a primeira convocatoria de Comunicacións Científicas e Pósteres relacionadas co sector termal, que obtivo unha grande aceptación por parte da comunidade científica. Nesta primeira edición abordáronse temas como as aplicacións das microalgas en termalismo, a orixe do termo “jacuzzi”, a contribución da balneoterapia ao envellecemento saudable ou os efectos das augas termais sobre a actividade antioxidante de extractos naturais, entre outros.
Nesta segunda xornada de feira celebrouse tamén a segunda parte da Bolsa de Contratación Turística, na que estiveron presentes máis dunha trintena de touroperadores e almacenistas de viaxes.











