Fomento ampliará a canalización do regato da Concha como demandaban as mariscadoras
As xestión realizadas na última semana polo goberno local ante o Ministerio de Fomento en relación á demanda realizada polas mariscadoras de Carril dou os seus froitos. Responsables do organismo estatal confirmaron onte que acceden a ampliar cara o mar a canalización a ceo descuberto do regato da praia da Concha.
A insistencia do goberno local e, en especial a do concelleiro de Medio Ambiente, Jesús Longa, para trasladar e defender ante o Ministerio a petición realizada polas mariscadoras foi a clave para que Fomento cambiase a súa postura e accedese a modificar o proxecto previsto inicialmente. A negativa inicial do organismo estatal a continuar a canalización baseábase nos problemas de levala baixo o miradoiro de madeira do Ramal debido a que se temía pola estabilidade da construción. Ademais, alegaban que a actuación non ía a ser eficaz, posto que podería quedar soterrada en pouco tempo debido aos arrastres de area cando hai temporais.
Non obstante, a preocupación das mariscadoras pola repercusión que podería ter no marisco a auga doce procedente do río, e que foi lles foi trasladada aos responsables de Fomento tanto polo colectivo como polo concelleiro de Medio Ambiente nas conversas mantidas nos últimos días, fixo que o Ministerio accedese finalmente a executar a ampliación.
Segundo comentou Longa, os responsables de Fomento comprometéronse a ampliar a canalización soterrada cara o mar ata onde poidan continuar traballando as máquinas coa marea baixa. Tamén lle informaron que o departamento ministerial xa está tramitando o pedido os pivotes de madeira que fan falta para continuar a obra que se retomará tan pronto lle sirvan os materiais.
En canto ao segundo tramo da obra, os operarios seguen a traballar na outra beira da Avenida Rosalía de Castro. Segundo lle informou o responsable da obra ao concelleiro, os traballos sofren un pequeno atraso sobre as datas previstas debido a que tamén se está a espera de que a empresa provedora lles subministre os materiais que fan falta para rematar os últimos 50 metros da canalización que conecta co río á altura da Escardia.
En calquera caso, estes traballos non afectan nin ao tráfico nin provocan molestias a veciños e usuarios xa que se desenvolven por unha zona sen urbanizar.
A canalización do regato de Guillán é unha obra que executa o Ministerio de Fomento como compensación polas obras da Alta Velocidade Ferroviaria. Con esta actuación preténdese acabar cos problemas de asolagamento e verquidos que se producían na zona da Concha cada vez que se rexistraban intensas choivas que provocaban un aumento do caudal do regato que baixa de Guillán e acabar cos vertidos ilegais que se producían na antiga canalización que agora quedará cegada.











