Finalizados os arranxos do firme en varios tramos de estradas que pasan por Brión
A Xunta de Galicia rematou esta semana os traballos de mellora do firme en varios puntos das estradas AC-451 e AC-300 ao seu paso polo concello de Brión. A actuación levada a cabo na AC-451 estendeuse ao longo do tramo Os Ánxeles (AC-543)-Brión (AC-544), mentres que a da AC-300 fíxose entre Os Ánxeles (AC-543) e A Picaraña (N-550). A estes dous proxectos, o departamento autonómico destinou 54.486 euros.
Así o explicou a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, quen indicou que as labores de acondicionamento do pavimento da AC-451 leváronse a cabo nos tramos máis deteriorados desta estrada, entre os puntos quilométricos 0+000 e 3+480. As obras consistiron, basicamente, na reparación do firme existente mediante algunha das seguintes actuacións: fresado e reposición da capa de rodadura, reposición da capa de firme, aplicación de microaglomerado en frío. Como complemento, leváronse a cabo outro tipo de traballos para mellorar as condicións da estrada como son a reposición de marcas viarias e sinais verticais ou a limpeza de cunetas.
No caso, da AC-300, os traballos serviron para acondicionar o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 4+880.
Do Campo recordou que estas actuacións enmárcanse no programa de conservación de estradas previsto pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para 2013 e executado a través da xefatura territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
O obxectivo de todas estas medidas é cumprir co Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica, Plan MOVE. “Trátase de reducir os sinistros e facilitar os desprazamentos, coa finalidade de acadar un desenvolvemento económico e social que aporte unha maior calidade de vida aos veciños e veciñas do contorno”, concluíu a delegada territorial.











