Ferrol triplica as achegas económicas a Cáritas para os programas de inclusión social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinou  un convenio de colaboración coa directora de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol, Josefina Rebés Torra, para a posta en marcha dun programa de mellora da inclusión social. Deste xeito, a Concellería de Benestar Social incrementa a súa achega aos 15.000 euros para o desenvolvemento deste programa, que inclúe talleres e actividades para os colectivos máis desfavorecidos ademais de contribuír ao funcionamento do Centro de día da entidade. A este acordo de colaboración, hai que engadir outra achega de 20.000 euros que o Goberno Municipal destina a colaborar co plan de axudas de emerxencia a persoas ou familias en risco de quebra económica que leva a cabo Cáritas. En total, a achega municipal para 2013 alcanza os 35.000 euros.

Na súa intervención, o primeiro edil quixo agradecer o traballo da entidade “que todos os días realiza en beneficio dos máis desfavorecidos”. Rey Varela explicou que o Goberno Municipal que preside mantén unha colaboración económica con Cáritas dende o inicio do presente mandato e que no cuadrienio anterior soamente existiu convenio unha anualidade.

Así, o convenio nominativo asinado hoxe permitirá á entidade a posta en marcha do programa de mellora da inclusión social que inclúe: intervencións con familias en situación de especial vulnerabilidade; o apoio ao funcionamento do Centro de Día de Cáritas; e o desenvolvemento de diferentes talleres para a promoción da muller xitana -alfabetización, reforzo escolar e obradoiros de igualdade de oportunidades-. O rexedor municipal sinalou que a  achega da presente anualidade de 2013 para este acordo “pasou a triplicarse dos 5.000 euros dos anos 2011 e 2012 aos 15.000 do presente exercicio”.

Axudas para casos de necesidade extrema

Ademais, o alcalde explicou que a Administración local tamén financia con 20.000 euros o novo proxecto de axudas de emerxencia para persoas ou familias en risco de quebra económica  que “permitirá atender os casos de necesidade extrema e que Cáritas canalice as nosas achegas a todos os puntos da nosa cidade”. Así mesmo, a través deste programa, as familias poderán recibir axudas económicas para o pago de rendas e o aboamento de subministros básicos, entre outros.

24 de setembro de 2013 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.