Ferrol renova coa Fundación Santo Hospital de Caridade o convenio de colaboración para a atención de persoas sen teito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe en compañía da concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, as instalacións do refuxio-albergue “Pardo de Atín”. Esta visita tivo como obxecto a renovación do convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e a Fundación Santo Hospital de Caridade para a continuidade das atencións que esta institución presta ás persoas sen recursos que chegan a nosa cidade e non teñen onde durmir. Rey Varela asinou no Libro de Honra da devandita Fundación.

Na súa intervención, o primeiro edil da cidade destacou o servizo da Fundación Santo Hospital de Caridade que “da cobertura ás persoas con menos recursos que chegan á nosa cidade e non teñen teito”. Así, recordou que o refuxio “Pardo de Atín” entrou en funcionamento o 11 de xaneiro de 1937  e que na actualidade cambiaron moito as cousas, gracias á evolución da política social e a atención ás persoas necesidades “pero hoxe ao igual que entón segue sendo necesario contar con servizos como este refuxio, por iso renovamos o convenio coa Fundación Santo Hospital de Caridade”. Ao fío disto, o rexedor municipal manifestou que “se viven momentos complicados e por iso é tan importante o apoio a esta institución que ofrece un teito ás persoas sen recursos”.

O importe do convenio entre a institución social e a Administración local ascende a 30.000 euros, o que supón un incremento do 16% con respecto ao anterior acordo. No que atinxe ao incremento, o alcalde ferrolán sinalou que este “responde ao noso compromiso de que non pode haber recortes na nosa política social”. Así, o rexedor municipal comprometeuse a seguir mantendo e aumentado, na medida do posible, o apoio económico ás entidades sociais da cidade. “Non se pode escatimar en axuda aos máis necesitados” engadiu.

Atención a persoas sen teito

O acordo de cooperación asinado hoxe permitirá garantir a cobertura das necesidades básicas daquelas persoas que chegan a Ferrol. O refuxio-albergue ”Pardo de Atín” conta con espazo para 42 persoas e realiza este servizo todos os días do ano, proporcionando cama, comida, aseo e roupa a quen o necesite.

O perfil do usuario do servizo para persoas sen teito responde ás seguintes características: o 60% son españois. O resto de usuarios son, maioritariamente, cidadáns portugueses, marroquís, persoas procedentes dos países do este e suramericanos, principalmente brasileiros. Así mesmo, son moi maioritariamente varóns (só recorren ao refuxio entre un 3 e un 5% de mulleres); e a idade media está comprendida entre os 50 e 65 anos. A estancia máxima é de 5 días, podendo ser ampliada se o refuxio dispón de prazas libres.

10 de setembro de 2013 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.