Ferrol mantén aberto o prazo para solicitar as axudas para a adquisición dun ordenador
A Concellería de Xuventude, que dirixe Verónica Casal Míguez, ten aberto o prazo do programa “Conecta Ferrol” de axudas para mercar un ordenador. A edil ferrolá informou que a presentación de solicitudes -unha por unidade familiar- para esta achega municipal poderá realizarse no Rexistro Xeral ata o 31 de outubro e que a adquisición do ordenador deberá ser nunha tenda ou comercio de Ferrol ata o 30 de novembro.
“Conecta Ferrol” ten como obxectivo establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para a compra dun ordenador (portátil ou de sobremesa) por parte dos mozos/as empadroados no termo municipal coa finalidade de facilitar, axudar e mellorar a súa formación durante a etapa escolar de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato. O servizos municipal de información e dinamización da Casa da Xuventude encárgase de difundir esta convocatoria entre os centros de ensino da cidade. Un total de 50 estudantes poderán ser beneficiarios desta achega municipal, que poderá ser solicitada polos mozos/as que cumpran os seguintes requisitos:
– Estar empadroado no Concello de Ferrol, cunha antigüidade mínima dun ano.
– Ter entre 12 e 18 anos de idades, cumpridos no momento de presentar a súa solicitude.
– Acreditar un nivel de ingresos económicos netos anuais da unidade familiar non superior a 2,5 veces o IPREM establecido para o ano 2013, incluíndo as pagas extras e incrementando un 15% por cada novo membro.
No caso de producirse un empate na puntuación, terase en conta a data de presentación da solicitude, tendo preferencia a persoa que primeiro a presente. As instancias serán avaliadas polo persoal técnico do Departamento de Xuventude e a listaxe provisional das resolucións será publicada no taboleiro do Concello e no Departamento, establecendo un prazo de 10 días naturais para presentar reclamacións sobre as mesmas. Unha vez resoltas as reclamacións publicaranse a listaxe definitiva. A contía da axuda será de 200 euros por beneficiario, sempre e cando ese importe non supere o custo derivado da compra do ordenador.
O Concello de Ferrol retoma este anovador programa dirixido á mocidade da cidade tras corrixir o prego inicial da convocatoria segundo as indicacións dos servizos técnicos.











