Ferrol homenaxea a Eduardo Blanco Amor coa mostra “Pegadas dun autor en liberdade”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, informou hoxe sobre a exposición Eduardo Blanco Amor: pegadas dun autor en liberdade, que acolle a Sala de Exposicións da Biblioteca Municipal Central ata o vindeiro 15 de novembro. O horario de visita para o público é de luns a venres, de 09:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Esta mostra tenta achegar as pegadas que Blanco Amor deixou durante a súa viaxe literaria. Cunha traxectoria moitas veces arriscada, foi cronista e protagonista do período que abrangue dende a Xeración Nós até a chamada Nova Narrativa Galega, sempre coa arela de lle ser fiel a Galicia, á súa xente, á súa lingua, e, por riba de todo, a si mesmo. O escritor galego pertence a esa clase de intelectuais cuxa obra ten a dimensión dos grandes autores universais, pois cultiva, con calidade a narrativa, a poesía, o teatro, o xornalismo, o ensaio, a fotografía, a oratoria, a crónica de viaxes, etc. Coa súa liberdade á hora de crear consegue situar a cultura galega no mapa contemporáneo das vangardas: dende a anovadora “Poema en catro tempos”, á revolución narrativa de “A Esmorga” ou as pezas teatrais de “Teatro prá xente”. En galego ou en castelán, dende Bos Aire até Auria (Ourense), Blanco Amor foi ensarillando todo os elementos da cultura galega para dignificala e darlla a coñecer ao mundo.

XXXI Premio de Novela Longa Blanco Amor

Noutra orde de cousas, cómpre lembrar que o  XXXI Premio de Novela Longa Blanco Amor recaeu na novela “O violín de Rembrandt”, de Jorge Llorca Freire. Unha obra que “nace do desexo de contar e que da como resultado unha narración fluída e gozosa para o lector”, segundo o fallo do xurado.

16 de setembro de 2013 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.