Ferrol e Cofer dan un novo impulso á candidatura da cidade a patrimonio mundial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe nas instalacións da Exposición Nacional da Construción Naval (Exponav) a mostra sobre a candidatura da cidade a Patrimonio Mundial promovida  pola Administración municipal e a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal  (Cofer). O primeiro edil da cidade percorreu a exposición, que se pode visitar até o vindeiro día 27 de outubro, acompañado do presidente da confederación empresarial, Isidro Silveira, e do Almirante – Xefe do Arsenal Militar, Manuel Garat Carmé.

Rey Varela sinalou que “ten sido un acerto de Cofer sumarse a esta iniciativa coa que se da un paso máis nun camiño que ten como meta conseguir o recoñecemento de Patrimonio Mundial para a cidade, obxectivo que compartimos todos os ferroláns”. Así as cousas, a mostra ten por obxecto que a cidadanía “coñeza o esqueleto da candidatura e que sexa consciente do valor patrimonial dos elementos que forman parte da mesma”.

Ademais desta exposición, o Concello de Ferrol a confederación de empresarios editaron folletos explicativos das bases da candidatura en galego, castelán e inglés para a súa distribución entre os ferroláns e aquelas persoas que visitan a cidade. Tamén hoxe mesmo comezou unha recollida de sinaturas de respaldo á candidatura, na que poden participar as persoas que visiten estes días esta mostra en Exponav. O alcalde, o presidente de Cofer e o almirante do Arsenal foron hoxe os primeiros en asinar neste libro de firmas.

 

27 de setembro de 2013 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.