Ferrol, como cidade industrial, de servizos e universitaria, non pode quedar fóra das Smart Cities

Inauguración da Xornada sobre Innovación e Smart Cities
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presidiu hoxe a inauguración da primeira Xornada sobre Innovación e Smart Cities “Aplicacións e Solucións para a Cidade do Futuro” que se celebra na sede ferrolá da Fundación Novagaliciabanco. No acto inaugural, o primeiro edil estivo acompañado de Felipe Sas xerente do Grupo Austen –impulsor do encontro-; e ao mesmo asistiron a directora do Plan Ferrol, Natalia Barros; responsables do Centro de Innovación e Servizos de Galicia (CIS); o alcalde de Valdoviño, Jose Antonio Vigo; e representantes doutros Concellos da zona.
Na súa intervención, o rexedor municipal sinalou que “a xestión sostible e eficaz no que a servizos se refire é unha obriga actual tanto para as empresas como para as Administracións públicas”. Así, explicou que existen dúas maneiras de afrontar a necesidade de prestar unha atención rápida e dilixente e ao tempo aforrar custes: “mediante a optimización dos recursos dos que se dispón -sempre limitados- e o aproveitamento das vantaxes que nos ofrecen as novas tecnoloxías en tódolos ámbitos que implica a organización, o funcionamento e o día a día da cidade”, apuntou. “Por iso”, engadiu Rey Varela “é tan oportuna a celebración desta xornada sobre innovación e smart cities”. Ao respecto, o primeiro edil ferrolán indicou que “Ferrol como cidade industrial, de servizos e universitaria ten que formar parte desta nova revolución tecnoloxía está centrada en mellora o día a día dos cidadáns”.
Celebro intelixente
Rey Varela referiuse ao concepto de Smart City como o de “un celebro intelixente capaz de coordinar as distintas actividades e servizos que se desenvolven no día a día da cidade”. Neste sentido, dixo que “é un paso máis no que vén sendo o noso Plan de Barrios, que é a coordinación dos diferentes servizos e empresas que traballan para o Concello de tal xeito que teñan unha maior presenza en cada rúa, en cada barrio e en cada parroquia de Ferrol”. Nesta liña, o alcalde dixo que “o futuro que se propón coas smart cities é a aplicación das novas tecnoloxías para mellorar o funcionamento dos servizos mediante as novas aplicacións e solucións informáticas, que ademais permiten unha maior e máis directa participación cidadá”.
O rexedor apuntou que o Concello xa está a dar os primeiros pasos nesta liña, coa creación dunha Oficina de Atención Cidadá que seguirá ampliando os seus servizos, a licitación de aplicacións informáticas no ámbito do Turismo para recibir información en dispositivos móbiles como os Ipad e os Iphone; etc. A Coruña, Santander ou Málaga son algunhas das cidades que tamén están a explorar as vantaxes das smart cities.











