Ferrol aproba os criterios para a asignación de vivendas de propiedade municipal en Recimil
O Goberno Municipal de Ferrol deu hoxe un paso máis no proceso iniciado para a adxudicación de vivendas de propiedade municipal de Recimil. Así, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe, a instancias da Concellería de Benestar Social, os criterios técnicos de asignación da trintena de vivendas que se entregarán aos solicitantes que forman parte da listaxe de adxudicatarios.
Esta medida supón un paso previo para a realización dos contratos de aluguer por parte da área de Patrimonio. Os criterios técnicos que rexerán a entrega dos pisos son os seguintes: as idades e o número de membros da unidade familiar, co obxectivo de coñecer o número de habitacións que precisa cada demandante; e a existencia ou non dalgún tipo de discapacidade na unidade familiar, de tal xeito que o inmoble que se entregue sexa accesible. Dende a Concellería de Benestar Social, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, estase a pedir ás familias que faciliten os datos antes sinalados, que ademais permitiran corroborar que os beneficiarios coa asignación dos inmobles están na mesma situación que cando os solicitaron.
Así mesmo, e de maneira paralela, continúan desenvolvéndose os traballos de reparación das vivendas de Recimil para a súa entrega no prazo establecido, tal e como se comprometeu o Goberno Municipal que preside José Manuel Rey Varela.











