Ferrol acondicionará o patio do Ceip Esteiro con céspede
A concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, deu conta hoxe aos grupos municipais da adxudicación da obra de acondicionamento do patio con céspede do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Esteiro na comisión informativa da área. A empresa “Calfensa Proyectos S.L” foi a que acadou a mellor puntuación por parte dos técnicos municipais entre as tres firmas presentadas no proceso de contratación.
O obxectivo da obra é ter unha superficie con céspede que se drene de xeito que os nenos e nenas do CEIP Esteiro poidan xogar nela pouco tempo despois de se mollar. A empresa adxudicataria disporá dun mes de prazo para executar as obras de acondicionamento do patio do centro escolar, que fará por un importe total de 9.317 euros (co 21% do IVE incluído).











