Exposición ao público do proxecto da senda peonil do Rial
O Boletín oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de exposición pública da memoria da apertura da senda peonil no esteiro do Rial. As persoas que desexen consultar o proxecto elaborado polo Servizo Provincial de Costas poderán facelo a partir de mañá, 25 de setembro, e durante o prazo de 20 días hábiles, nas dependencias de Costas ou no Concello a efectos de presentar as alegacións que estimen oportunas. A memoria recolle a primeira fase do proxecto co que se pretende abrir ao público esta emblemática zona de Vilaxoán e recuperar medio ambientalmente unha contorna que hoxe en día se atopa bastante degradada.
Coa exposición pública da memoria cúmprese un novo trámite de cara á pronta materialización do proxecto promovido polo goberno local e que se xestionou a través do servizo Provincial de Costas. Ademais, o investimento xa está garantido posto que se financiará a través do contrato “Obras de conservación e reposición e no litoral da provincia de Pontevedra” que o organismo estatal xa adxudicou á empresa Matinsa.
Segundo a memoria elaborada por este departamento, a creación da senda peonil bordeando o esteiro do Rial executarase en dúas fases. Na primeira prevese a habilitación dun paseo de 440 metros de lonxitude entre a praia de Sarteches e o vértice do esteiro, nas inmediacións da rotonda do Rial. A actuación está presupostada en 72.537 euros e ten un prazo de execución de 2 meses.
Na actualidade, o esteiro do Rial é unha zona inaccesíbel polo seu borde costeiro e presenta un estado de abandono co que se pretende rematar co desenvolvemento dun proxecto que permitirá rexenerar unha zona natural cun gran potencial paisaxístico para o goce público.
A obra consistirá na creación dunha senda de xabre de 2 metros de ancho delineada con largueiros de madeira. A utilización destes materiais integra perfectamente a actuación no entorno natural no que se enmarca, e non suporá impacto algún na zona. Debido á escasa consistencia do terreo, realizarase un saneamento previo do mesmo e se encherán con cachote de canteira os puntos onde sexa preciso.
O proxecto inclúe labores de desbroce de maleza, a demolición dunha pequena obra de formigón existente na zona, a instalación dunha lousa no tramo inicial do paseo para dar acceso a unha industria alí emprazada e a colocación de tubos de drenaxe das augas naturais.











