Expocidades, un escaparate de promoción turístico e gastronómico do Eixo Atlántico
Expocidades, a feira etnoturística do Eixo Atlántico que se vai celebrar en Lugo durante as festas do San Froilán foi presentada polo alcalde, José López Orozco, que estivo acompañado do Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua, Carmen Basadre.
Máis dunha trintena de expositores presentarán o mellor da oferta turística da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal durante este evento, que terá lugar en Lugo entre os días 3 e 6 de outubro.
Na presentación da feira, o Alcalde destacou que “eu son un entusiasta da idea do Eixo Atlántico, creo que o noso futuro pasa pola potenciación do mesmo” e explicou que “é moi importante poñer en marcha proxectos coma este, para unha comunidade de máis de seis millóns de persoas, residentes nas cidades de Galicia e o Norte de Portugal, que compartimos historia, paisaxe e moitos outros vínculos que nos unen”.
Tamén lembrou o Alcalde que, logo da promoción do Arde Lucus a pasada fin de semana en Roma, vai ser moi importante a celebración deste evento en Lugo durante a festa do San Froilán.
“O noso San Froilán é unha festa de interese turístico galego e nacional pero vai ser moi bó que veñan persoas do resto de Galicia e do Norte de Portugal coñecernos un pouco máis nesas datas”, salientou López Orozco.
Pola súa parte, Xoán Vázquez Mao informou de que a elección de Lugo para a celebración desta feira débese “ó liderazgo de López Orozco no Eixo Atlántico e, tamén, a que Lugo é a única cidade do Eixo Atlántico interior que consegue mover tanta xente como a que pasa pola festa do San Froilán”. Neste sentido, destacou que este evento “no que veñen cidades de fóra promocionarse en San Froilán vai significar, tamén, a internacionalización desta festa”.
Expocidades será o maior escaparate do potencial turístico das cidades que integran o Eixo Atlántico. Esta entidade transfronteiriza, creada hai 20 anos, é unha das principais referencias do que sucede na eurorrexión Galicia Norte de Portugal.
A feira celebrarase no aparcamento do Edificio administrativo do Concello, onde está prevista a instalación de máis dunha trintena de estands, nos que estarán representados 25 concellos de Galicia e o Norte de Portugal.
A exposición situarase nunha das zonas de maior afluencia de público, próxima á Muralla, e ocupará unha superficie de 600 metros cadrados, nos que unha trintena de expositores van presentar o mellor da oferta turística da eurorrexión.
Paralelamente ó desenvolvemento da feira terá lguar unha mesa de contratación na que se mostrar produtos etnogastronómicos das cidades e promocionar produtos de calidade e excelencia.
Entrada gratuíta
Con entrada gratuíta, a feira das cidades do Eixo Atlántico, Expocidades, estará aberta entre as 12.00 horas e as 21.00 horas, entre os días 3 e 6 de outubro.
Expocidades será unha exposición na que o deseño se vai axustar ós estándares de sostenibilidade.
Este evento naceu ó abeiro da primeira Capitalidade Cultural do Eixo Atlántico, celebrada en Vila Nova de Gaia, en 2009. O éxito daquela convocatoria e a demanda das cidades integradas no Eixo Atlántico animaron á entidade a poñer en marcha esta exposición en colaboración co Concello de Lugo.











