Estudantes de dez centros de educación infantil e primaria inician o programa de “actividades extraescolares”
Os alumnos e alumnas dos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) do Concello de Ferrol iniciarán mañá, martes día 1 de outubro, o programa educativo municipal de “Actividades extraescolares”, que se prolongará ata o mes de maio de 2014. Así o anuncio esta mañá a concelleira de Educación, Susana Martínez Galdós, quen informou de que serán 20 as actividades que se desenvolverán, durante o curso académico 2013-2014, nos diferentes centros escolares atendendo ás súas preferencias. Os obradoiros teñen carácter lúdico, didáctico e tamén deportivo.
Estes obradoiros que se impartirán de maneira gratuíta para os alumnos e alumnas, son as seguintes:Percusión tradicional, iniciación á música, patinaxe, baile moderno, debuxo e pintura, teatro, xogos cooperativos e tradicionais, ximnasia rítmica, capoeira, chinés, karate, judo, informática e internet, manualidades, fútbol, baloncesto, guitarra, xardíns e semilleiros escolares, xogos de mesa e creatividade. No que atinxe aos centros, as actividades serán realizadas nos CEIP A Laxe de Valón, Cruceiro de Canido, Esteiro, Isaac Peral, Juan de Lángara, Manuel Masdías, Pazos, Ponzos, Recimil e San Xoán de Filgueira.
Martínez Galdós, subliñou que dentro da oferta para este novo curso escolar, a actividade de patinaxe foi a que rexistrou unha maior demanda por parte dos centros -un total de nove-, seguida de baile moderno -que se impartirá en sete-, manualidades -en seis-, e informática e internet -en cinco-. Tamén tiveron unha boa acollida os novos obradoiros de guitarra, xardíns e semilleiros escolares, xogos de mesa e creatividade. Así, a demanda de clases de chinés conta este ano coa incorporación do CEIP Recimil. Este programa municipal de educación, por tratarse de obradoiros de apoio ao ensino formal impartido dende os centros públicos de Educación Infantil e Primaria, ten un horario en quenda de tarde de luns a venres (desenvolveranse entre as 16.00 e as 18.00). O tempo que dedicará cada grupo de alumnos/as á actividade será de dúas horas semanais.
Transporte escolar
Ademais, a edil de Educación explicou que o alumnado de tres centros educativos da cidade -Pazos, A Laxe e San Xoán de Filgueira- contará cun servizo de transporte para participar no programa educativo municipal “Actividades extraescolares”. Así, os nenos e nenas serán recollidos nos seus colexios para desprazarse ás actividades extraescolares nas que participen.











