Estrea en Ourense da obra teatral “ama – dor” que afonda na temática da trata de mulleres
O vindeiro venres o Auditorio Municipal acolle a estrea da obra de teatro ama – dor. Está dirixida á maiores de 16 anos, e o 50 % da entrada destinarase á colaboración con cáritas, para o colectivo de mulleres vítimas das prostitución. Será a partir das 21.00 h, e ten un prezo de 3 €.Ama – dor, é froito dunha coprodución galaico – portuguesa entre a compañía ASTA (Portugal), e a compañía galega Trécola.
A presentación tivo lugar esta mañá, e nela estiveron as Concelleiras de Cultura, Ana Garrido, e Igualdade e Benestar Social, Marga Martín, acompañados de Tegra Vázquez – Trécola Teatro – e Rui Pires – da compañía ASTA – con Raquel Doval, en representación de Cáritas. A propia Raquel Doval, impartirá mañá unha conferencia titulada “Míralas: elas teñen voz, ti as podes ver”. Será a partir das 19.30 do serán no Centro Cívico Colón.
Ama – dor é un espectáculo no que veremos mulleres con soños que se viran en pesadelos. Mulleres, prostitución, poder económico, redes. Mulleres tratadas desde a máis extrema indiferenza, violadas, forza, escravas. Mulleres coma ti, coma min, coma a túa veciña, a túa filla, irmá, nai, avoa… mulleres como mercadoría, enganadas, roubadas… milleiros de mulleres, mulleres…
A obra de teatro enmárcase dentro do proxecto ad Theatrum, un traballo de investigación e reflexión sobre un dos grandes problemas da nosa sociedade, o tráfico de seres humanos. Está dirixido polo creador Rui Pires, os equipos artísticos e técnicos están compostos por integrantes das dúas compañías. A temática pretende amosar a realidade de persoas que buscan en Europa, no noso país, na nosa cidade unha fuga para a miserable vida que levan nos seus países de orixe.











